La Voz de Galicia
Hablando de riqueza, pobreza, exclusión y con quienes no quieren quedarse al borde del camino
Seleccionar página

¿A prostitución é violencia machista extrema?: Sí, pero pouco. En artigos como este, nun blogue que este mes cumpre dez anos de vida, tense denunciado moitas veces e dende diversas olladas, a violencia brutal que sufren as mulleres vítimas de prostitución. Que non hai mulleres torturadas sen homes que torturan. Que os milleiros e milleiros de puteiros son maridos, noivos, fillos, directores de banco, profesores, alcaldes…

Neste 8M falemos de sobreviventes como Paulina. Grazas por darlle voz Daniel Bóveda. Tamén por denunciar a quenes as torturan ou miran para outro lado

A coisa máis linda

Poderiamos emborracharnos con cifras. O 71% de vítimas de trata son mulleres, cifra que ascende a 94% cando falamos de explotación sexual de mulleres e nenas. Cifras.

Podemos tamén falar de Paulina, que é brasileira pero podería ter nacido alí en Coristanco, nun pobo do mar morto ou no bulicio de Benin-City e influír así nas cifras.

Podemos falar de Paulina só, da súa historia de vida, así, sen ser a cifra que nunca quixo ser. Aterrou en Vigo hai 25 anos, no aeroporto de Peinador, con teimas e ilusións, na procura de calma despois de anos de malos tratos da súa parella. Pero Paulina nunca chegou, dúas semanas tardaron en metela no puticlub onde se refletían as luces do propio aeroporto. Comeza a súa viaxe, do sur para ao norte, do leste para o oeste, pasando por clubs, pisos, polas rúas.

Fuente: Front Abolicionista

A coisa máis linda é o hastag onde os puteros poñen os seus comentarios sobre Paulina nun foro de internet. O pacto entre cabaleiros é compartir alí as súas experiencias e puntuar á persoa como un produto a consumir.

Cifras. Novas cifras. Os alias “bon amante” destes portais virtuais pasan desapercibidos e son os principais responsables de que a trata de mulleres sexa un dos negocios ílicitos máis rendibles do mundo. Catro mil cen millóns do PIB español. Cifra sobre fondo líquido. Dentro desta lóxica capitalista, mentres os puteros non sexan sinalados e repudiados socialmente non se poderá acabar con esta lacra social. Pero aquí a cifra importa, vaia se importa.

Son pais, solteiros, casados, mozos ou anciáns, de esquerdas ou dereitas, o profesor da túa filla, o limpador da mesma escola. Non existe un perfil, porque o que existe é unha comunidade cómplice e fraternal que permite que siga sendo impune dispor dunha muller ao gusto do consumidor. Vivimos nunha sociedade que tolera que se pechen operacións financeiras ou a celebración do último partido nos clubs das estradas e que impunemente se aproveitan das necesidades vitais das mulleres.

Paulina podería facer un estudo exhaustivo, aínda lembra cando tivo que baixar a cabeza nunha reunión da ANPA do cole da súa filla, cando o carniceiro lle susurrou que o chourizo xa quedaba para máis tarde ou cando, un nadal, o capitán do equipo local, disfrazado de rei mago, foi visitar o albergue social onde ela mesma estaba acollida. Mención especial ao putero que “a salvou” dous anos dos clubs, converténdose no seu exclusivo maltratador. Perfís hai moitos, pero non visibilizados, máis ben consentidores e actores que seguen perpetuando o machismo e a violencia contra as mulleres. Porque todo se dilúe nas cifras.

Segundo un estudo de 2019, España é o país con máis puteros de Europa, o terceiro do mundo. Urxe unha lei integral contra a Trata dende unha perspectiva da defensa dos dereitos humanos e enfoque de xénero. A súa abordaxe ten que dotar de dereitos a quen a sofre, medidas sociais e reais a longo prazo e que non queden impunes aqueles que se lucran destas situacións baixo o parapeto das cifras e dos informes.

Xa chegamos tarde para Paulina, quen se resigna e nunca poderá superar todas as violencias e o estigma que deixan nela os anos de ser prostituída.

Ela reitera que, cando todo isto pase, querería volver para Goiania, coñecer á súa neta e vivir en calma, esa que parece que nunca chega. Porque a coisa máis linda é a calma, non o frío da cifra.

Daniel Bóveda.

Fuente: Front Abolicionista