«A mellor política social é o emprego» «O mellor remedio contra a pobreza é o emprego!«
Seguramente escoitaron algunha vez estes dogmas cansinos de políticos pouco interesados en rematar coa pobreza, por moito que digan o contrario (a «teoloxía do emprego» escoitei algunha vez). E que se estrelan contra a realidade de que unha de cada tres persoas en pobreza severa en España tiña emprego no 2018 (percibindo menos de 492€ ao mes) ou que o 15,3% das persoas con emprego estaban en risco de pobreza ou exclusión social no 2019
Non, o emprego so permite ás persoas sair da pobreza cando é decente, cando no hay explotación laboral nin precariedade. Por iso é tan importante que o 7 de outubro sexa a Xornada Mundial polo Traballo Decente e que as organizacións católicas que integran a iniciativa Iglexa polo Traballo Decente, baixo o lema #NosMovemosPorElTrabajoDecente reivindiquen este día para facer visible a precariedade que sofre o mundo do traballo, aumentada pola situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia mundial da COVID-19.
Para presentarlles as razóns desta xornada, deixolles con Eloina Ingerto, directora da Fundación Juan Soñador en Galicia. Neste enlace teñen a axenda de actos na súa cidade, e neste video e artigo máis informacion sobre a campaña en Galicia
Grazas Eloina!
As persoas primeiro
Estamos sen dúbida nun tempo cheo de incertezas, de medos, de cambios, provocados por un virus global que mata, e que nos fai sentir débiles nun campo de batalla invisible pero real. Ao paso desta pandemia sanitaria estanse esborrallando sistemas produtivos, económicos, políticos, educativos e sociais, que se sostiñan en piares débiles, precarios, inxustos, desiguais…e unha vez máis caen con maior impacto sobre as persoas máis vulnerables, unha vez máis a crise, a pobreza, a miseria cébase coas mesmas persoas.
E por que non somos capaces de mudar, de transformar sistemas que afogan e que xeran inxustiza de xeito crónico?. Por que non somos capaces de poñer ás persoas no centro e ao redor xerar sistemas xustos e decentes, afastados de egoísmos e individualismos?. Por que non somos capaces de observar, de pensar, de sentir e de facer para acadar o ben común?. Dúbidas con e sen reposta, mentres millóns de persoas quedan atrás.
Este momento interpélanos e obríganos a actuar, a seguir avanzando con máis unión nun modelo social que non deixe a ninguén atrás. A seguir loitando por recuperar e garantir o dereito a unha vida digna. A seguir estendendo alternativas de vida máis sostible ante o deterioro medioambiental. A seguir defendendo o emprego decente porque “Esta crise ensinounos que se pode consumir menos e mellor, que o servizo daqueles oficios menos valorados, social e economicamente son os que sosteñen a vida e o coidado comunitario”.
O día 7 de outubro con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente, temos a oportunidade de alzar a voz a través da iniciativa da Igrexa polo Traballo Decente e baixo o lema “Movémonos polo traballo decente, nos nosos barrios, ante as organizacións sindicais e nas institucións de goberno”, para reclamar un novo modelo produtivo que, en pleno impacto social da pandemia, garanta emprego digno e accesible.
O traballo é unha expresión da dignidade humana, que debe contribuír ao desenvolvemento da comunidade, satisfacer as necesidades das familias, en condicións de respecto, de participación e de non discriminación. Na situación actual a igrexa polo traballo decente ten o compromiso de difundir os síntomas do deterioro e gravidade da situación, como son a “galopante destrución de emprego, cunhas cifras de ERTE e paro disparadas; unha protección social que non está chegando ós que teñen dereito e peor o están pasando, como no caso do ingreso mínimo vital ou a prestación para as empregadas de fogar, e que deixa fóra a miles de persoas sen posibilidade de acceso por exercer a súa actividade na economía somerxida; e a persistencia de demasiados empregos considerados esenciais que manteñen condicións laborais tan precarias que rozan a indecencia”.
Este tempo tamén trae sinais de esperanza, xestos de unidade ante a adversidade, emocións e novas oportunidades están a agromar para coidarnos e transformar esta realidade.
Eloina Ingerto