Disque os amigos de verdade coñécense cando hai problemas. O mesmo ocorre coa defensa de causas como a plena participación social e política das persoas con discapacidade ou de mozos e mozas. O postureo e o cinismo descúbrese xusto cando o fan. Os insultos á Greta Thumberg por ser moza e por ter Asperger son un exemplo de manual.
Para tentar poñerse na pel dun Asperger é unha honra cederlle o blogue a mozos como Xan Baliñas Vidal en nome tamén de Guille, Pablo, Samuel e Kuro. Grazas e moito animo Aspies en Acción!
Aspies en Acción somos un grupo de mozos e unha moza (Xan, Guille, Pablo, Samuel e Kuro) con Síndrome de Asperger de Santiago de Compostela que nos xuntamos para a realización do proxecto “Ponte no meu lugar”, consistente nunhas feiras adicadas a concienciar ás persoas das diversas dificultades que este trastorno conleva para a xente que o padece mediante actividades enfocadas nestes mesmos atrancos.
As feiras organizadas no marco do proxecto “Ponte no meu lugar” (que financiamos con axuda do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia) constan de catro seccións: Prosopagnose, Emocións, Comunicación e Hipersensibilidade. Un dos nosos motivos para organizar este proxecto de concienciación é eliminar as barreiras e a incomprensión que observamos cara nós mesmos e cara outros mozos e mozas a través das redes e que afectan a Aspergers recoñecidos como é o caso da famosa activista sueca Greta Thunberg e os youtubeiros Daniel M. Jones (galés) e Chloé Hayden (australiana).
O caso de Greta Thunberg e o máis recente dos tres. A súa loita polo medio ambiente ten provocado que se converta nunha personaxe de fama internacional e polo tanto obxecto de insultos dende diversos medios. Vaia como exemplo como este pasado 24 de setembro a cadea estadounidense Fox News tivo que desculparse polos comentarios ofensivos expresados por un dos colaboradores do programa The Story referentes á súa condición como Asperger.
Daniel M. Jones é un youtubeiro de 33 anos que conta con arredor de 103.000 subscritores na súa canle “The Aspie World”, no cal fala de diversos aspectos do autismo, o Asperger e o TDAH. Daniel presta atención aos síntomas, á ansiedade que provocan e como lidar con elas. Recentemente, os executivos dunha canle británica prohibíronlle asistir a un programa da televisión no cal ía aparecer o pasado 28 de setembro.
Non sabemos que programa foi porque asinou un acordo de confidencialidade, pero vetaron a súa presenza baixo o pretexto de que non tiña permitido facer “strimming”. Este termo, que non ten equivalente en galego nin castelán, engloba os xestos nerviosos que as persoas do espectro autista usan para centrarse ou afrontar o seu nerviosismo. Pedirlle isto a un autista é como pedirlle a un miope que non use lentes correctoras (sexan gafas ou lentes de contacto) porque “dan mala imaxe”. El asegura que, en realidade, obedece a un interese por non mostrar Asperger reais na televisión.
Chloé Hayden é unha blogueira, cantante, youtubeira e oradora motivacional australiana de 22 anos. A súa historia é de sufrimento e grande perseveranza. Diagnosticáronlle Asperger con 13 anos. Sufriu acoso escolar continuado e un caso grave de anorexia que a fixo pasar longas tempadas hospitalizada. Hoxe dá charlas en colexios por toda Australia para rapaces con autismo. Moita xente métese aínda co seu aspecto e a súa maneira de falar e actuar tan “infantil e desapegada da realidade”, pero ten 8.420 subscritores na súa canle “Princess Aspien”.
Que estes exemplos sirvan para ilustrar a situación que nos leva a facer estas feiras e esperamos que vos animen a vila ver. Deixamosvos os paneis da exposición para que nos poidades axudar a difundilos.
Xan Baliñas Vidal. Aspies en Acción