Antes da pandemia, a loita contra a pobreza, a exclusión social e a desigualdade semellaba estar moi lonxe de ser unha prioridade política e económica. No 2019, 11.875.000 persoas, o 25,3 % da poboación seguía en Risco de Pobreza ou Exclusión Social (AROPE). No 2008 o estaba o 23,8%. A pobreza infantil persistía nun 27,4%, aumentando a cifra do 2019, sobre todo a das nenas e mozas. Ter hoxe un fillo ou filla en España e en Galicia é un factor de empobrecemento.
O 9,2% da poboación, 4,29 millóns de persoas, vivía na pobreza severa (percibindo menos de 492€ ao mes un fogar dunha persoa ou 1034€ nun de dous adultos e dous menores, por exemplo). 880.000 persoas máis que no 2008.
O 24,3% da poboación galega atopábase no 2019 en risco de pobreza ou exclusión social. Unha taxa que a pesares do aumento sobre o 2018, foi e sigue a ser mellor que no conxunto do estado pero que non convida ao triunfalismo. 203.296 persoas, o 7,5% da poboación, vivía na pobreza severa no 2018.
Afrontar a crise social extrema e o colapso trala pandemia
Os datos antes citados son hoxe unha aspiración optimista. O COVID19 trouxo un agravamento brutal da situación das persoas máis afectadas que apenas se beneficiaran da recuperación económica: mulleres, mocidade, nenos e nenas.
Pero tamén está a afectar a aquelas con outros factores de exclusión: monoparentalidade, discapacidade, mulleres vítimas de violencia machista (en especial a máis extrema por prostitución ou trata), etnia, persoas maiores -especialmente con algunha dependencia-, migrantes ou refuxiadas e, en xeral, aquelas persoas que malvivían da economía informal ou precariedade laboral e que se quedaron sen ningún tipo de ingreso económico nin posibilidade de pedir axuda a administracións. E con agravantes cando se vive no eido rural.
Os datos quedaron obsoletos, pero as prioridades seguen a ser as mesmas. As eleccións ao Parlamento de Galicia celebráronse no marco dunha emerxencia sanitaria que está sendo acompañada por unha emerxencia social e que empobrecerá drasticamente a milleiros de galegas e galegos se non hai un compromiso político e orzamentario tanto da Xunta de Galicia como de concellos e deputacións.
Con todo, esta crise supón un contexto que require mais que nunca cumprir co compromiso de reducir á metade no 2030 a porcentaxe de persoas en pobreza. Pola constatación de reclamacións históricas das organizacións e redes do Terceiro Sector como a valoración dos coidados ou a erradicación do lucro na loita contra a pobreza ou na atención ás persoas dependentes e colectivos vulnerables senón tamén pola posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital (IMV) tras anos de reclamacións.
A aprobación do IMV é sen dúbida unha excelente nova. Pero coa máxima prudencia.
O será se as persoas comezan a ser realmente mais importantes que os papeis e os mostradores. En palabras da presidenta de EAPN Galicia: “Se a burocratización ou a falta de coordinación entre administracións o coas organizacións de acción social non o impide, o Ingreso Mínimo Vital pode ser un forte impulso para a erradicación da pobreza severa en España e en Galicia. Debe ser un instrumento redistributivo, de xustiza social e de alta intelixencia económica. Beneficia ás persoas e familias que peor o están a pasar pero tamén ao resto da poboación, xa que son recursos que irán directamente ao consumo inmediato nos servizos e establecementos de proximidade”.
Á extrema premura na súa elaboración unida á escasa coordinación con gobernos autonómicos, concellos e organizacións de acción social, motiva que nestas primeiras semanas as dificultades e a confusión sexan notables. E agravadas polo aumento brutal da fenda dixital durante o confinamento, impedindo de facto a milleiros de persoas o acceso as administracións públicas, en especial no eido rural.
Sexa cal sexa o impacto, a Xunta de Galicia, como administración competente en políticas sociais, ten unha oportunidade única para utilizar como panca o IMV e reducir a pobreza. Para iso, a primeira das quince demandas que EAPN Galicia prantexou ás candidaturas ao Parlamento de Galicia é o compromiso de blindar o orzamento da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) asegurando a súa compatibilidade e subsidiariedade co IMV e recoñecendo o dereito subxectivo e incondicionado á supervivencia e a garantía de ingresos. Especialmente en tres aspectos:
- Complementando ingresos ata o limiar de pobreza relativa. De xeito urxente (como moi tarde na Lei de acompañamento de orzamentos 2021) naquelas familias con nenos, nenas ou persoas con dependencia, duplicando o complemento vivenda ou valorando os coidados.
- Aumentar cobertura do Ingreso Mínimo Vital naquelas persoas, non so unidades de convivencia, non beneficiarias do mesmo que vivan en Galicia (incluíndo por tanto a inmigrantes independentemente da súa situación administrativa) ou con factores agravantes como violencia machista, etnia, idade, discapacidade, territorial, etc.
- Asegurar o dereito á inclusión sociolaboral e a un acompañamento estable e profesionalizado dende os Servizos Sociais Comunitarios e as organizacións do Terceiro Sector Social, reforzando os. tramos de inserción e transición ao emprego da Lei de Inclusión Social de Galicia.
Vivenda, vivenda, vivenda, emprego e apoio ás familias contra a pobreza infantil
O primeiro paso para resolver un problema é recoñecer que existe. E imprescindible afrontar por fin a exclusión residencial na que malviven o 35% dos galegos e galegas (Informe FOESSA sobre Exclusión y Desarrollo social en Galicia 2019) e que anula de facto o efecto do resto de políticas sociais.
O clarificador informe de EAPN España analizando a pobreza severa conclúe que o 47% das persoas en pobreza severa gastan a metade ou máis dos seus ingresos en pagos relacionados coa vivenda. Esto quere dicir que case a metade das 203.296 galegas e galegos que ingresan menos de 492 ao mes gasta a metade desta cantidade na vivenda, co que lle quedan apenas 260 € mensuais para todo o resto dos seus gastos.
Garantir o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible implica priorizar na seguinte lexislatura a rehabilitación e o alugueiro social. Ademais da erradicación do chabolismo e a infravivenda, ou a loita contra o sinfogarismo, co horizonte do 2023 debería promoverse o acceso a un mínimo de 40.000 vivendas ou un parque municipal básico de vivenda cun recurso de transición por cada 10.000 habitantes para situacións de emerxencia (persoas sen fogar, vítimas de desafiuzamentos ou de violencia machista, persoas refuxiadas ou solicitantes de asilo, etc.)
A redución drástica da pobreza e a exclusión infantil e xuvenil precisa de orzamentos que apoien especialmente as famílias. Coa reforma da RISGA xa citada, pero tamén coa elaboración da Lei Galega da Infancia, a universalización e gratuidade da educación de 0 a 3 anos, o acceso do 100% da poboación a Rede Galega de Atención Temperá, o Pacto Galego de Educación Inclusiva, asegurar o dereito á saude ou co apoio decidido ás familias monoparentais.
O acceso ao emprego debería ser a ferramenta determinante para a saída da pobreza, pero en Galicia non está a ser así. A última Enquisa de Condicións de Vida reflicte que as persoas vivindo en fogares con baixa intensidade laboral (traballando menos do 20% da xornada semanal) aumentaron do 11,1% no 2018 ao 11,9% no 2019. Un dato superior á media do conxunto do estado en donde a taxa apenas variou (do 10,7% ao 10,8%)
As persoas accederon de xeito moi limitado ao emprego nos anos de recuperación economica anteriores ao confinamento, e se o atoparon foi de baixa calidade e en condicións de precariedade laboral. Por iso prantexar un emprego digno e inclusivo obriga a asegurar o acompañamento estable e profesionalizado ás persoas con maiores dificultades de empregabilidade ou precariedade laboral.
Evitando a discriminación de organizacións do Terceiro Sector Social e reformulando e impulsando o modelo do “Programa de Posta a punto para o emprego” a todo persoa en situación ou risco de pobreza ou exclusión social, a formación persoalizada e adaptada á demanda do mercado de traballo, a ampliación ao 7% a reserva de mercado da Xunta de Galicia ou as escolas de segunda oportunidade.
Coordinación entre as tres patas do sistema público de servizos sociais
A política social, como calquera outra política de estado, non se improvisa nin consiste nunha suma de medidas cortopracistas de escaso impacto e dubidoso éxito comunicativo. Esixe un compromiso rotundo na planificación a medio e longo prazo que non, a coordinación política e técnica entre as administracións e organizacións do Terceiro Sector e que teña como obxectivo prioritario a redución drástica da burocracia.
A nova Axenda Social de Galicia, asinada polos tres principais actores representantes do sistema público galego de servizos sociais: Xunta, FEGAMP e entidades do Terceiro Sector de Acción Social representadas por EAPN Galicia debería significar un avance rotundo neste eido, con medidas e compromisos concretos e medibles para cada unha das institucións implicadas, así como transparencia na difusión pública do seu cumprimento.
Artigo ampliado e actualizado publicado na revista Tempos. Xullo 2020