La Voz de Galicia
Hablando de riqueza, pobreza, exclusión y con quienes no quieren quedarse al borde del camino
Seleccionar página

O 14 de setembro é o Día Internacional de doazón de Medula Ósea e Sangue de Cordón Umbilical.

Para animarnos a doar, déixovos con Cris Pet. Teño a sorte de coñecer a esta comunicadora entusiasta e honesta de COGAMI e ASOTRAME (Asociación Galega de Persoas Transplantadas de Médula Osea) grazas a que no 2005 a súa irma Vidi lle doou a medula.

Grazas Vidi. Grazas Cris

Elena e Cristina Pet. Foto Xoan A. Soler

Se non fora por ti:

Non me someterían a un tratamento de quimioterapia.
Non estaría illada durante un mes no hospital.
Non me caería o pelo.
Non estaría sen forzas nin para levantarme da cama.
Non sentiría náuseas.
Non me faltaría o alento.
Non me sometería a citas médicas continuas.
Non tería a menopausia precoz.
Non tomaría tratamento para evitar o rechazo.

Se non fora por ti:

Non coñecería aos meus sobriños.
Non casaría co meu amoriño.
Non viaxaría nin coñecería mundo.
Non compartiría coa miña familia.
No vería os mellores atardeceres.
Non disfrutaría dos pequenos momentos.
Non riría como o fago.
Non coñecería novas amizades nin gozaría das que xa tiña.
En definitiva, NON VIVIRÍA!

O 31 de outubro de 2005, grazas á doazón de medula da miña irmá pequena, vivo e vivo feliz. Neste enlace, podes saber algo máis da miña historia.

Esta segunda oportunidade que me brindou a vida permíteme poder gozar deses pequenos e grandes momentos para compartir cos meus seres queridos.

Faite doante

Para poder facer felices a moitas persoas que arestora precisan unha doazón de medula ósea, faite doante.

Non doe, non prexudica e darás o máis grande que un ser humano pode dar: darás vida. Eu tiven a grande sorte de formar parte dunha familia numerosa. Somos 5 irmás e 1 irmán. Todos fixeron as probas de compatibilidade, polo que dos seis, dúas, as menores, eran compatibles comigo.

Pero hai moita xente que precisa da doazón e non ten ningún familiar, co que ten que acceder ao banco internacional de doazón. Por que non te fas doante?

Preguntas e respostas sobre doazón medula ósea:

https://www.youtube.com/watch?v=QlsTCSCHCPs

Que é a medula ósea? É un tecido esponxoso que está no interior dos ósos planos como a pelve e o esternón e é onde se fabrican as celulas nai.

Quen pode doar? Calquera persoa de entre 18 e 40 anos, sen enfermidades graves ou transmisbles, pode ser doante

A quen podo doar? A doazón de medula ósea é anónima, altruista, voluntaria e universal, podes doar a calquera persoa que o precise en calquera parte do mundo e, por suposto, os nosos familiares se fora necesario.

Como me fago doante? En Galicia, o centro de referencia é a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. Contacta co número de atención ao donante 900 100 828

Neste enderezo https://galicia.medulaosea.org/ podes realizar a auto inclusión como doante de medula ósea

En toda España podes chamar ao teléfono do Plan Nacional de Donación de Médula Ósea: 900 102 688.

Se non fora por ti… Fai que outras persoas poidan continuar con este relato. Máis información www.asotrame.com

@crispet