Defender que homes e mulleres teñen os mesmo dereitos e esixir unha igualdade efectiva semella ser obvio pero sorprende os moitos inimigos e a súa violenta resistencia machista a un cambio inevitable. «O tempo dos orcos remata«.
Por iso ten un mérito especial as mulleres e asociacións que defenden a igualdade entre homes e mulleres (tamén chamado feminismo), en espazos especialmente difíciles, como a igrexa católica.
Hoxe teño a honra de deixalos cunha destas mulleres, Marisa Vidal. Grazas polo teu compromiso, coherencia e entusiasmo, por ficharme para isto da pobreza e a desigualdade e por demostrarme que sirve de algo!
Muller na Igrexa. Acaso Deus non quere a igualdade?
A día de hoxe non coñezo moitas asociación nas que participen homes que teñan o feminismo, a igualdade real entre homes e mulleres, como práctica política. A maioría dana por suposta e se instalan na comodidade, maquillandose con estatísticas de cotas de participación e outros subterfuxios. A maquillaxe cae cando sae á palestra o iceberg de sexismo que hai na sociedade.
Qué queredes que vos diga? Sigo vendo, por exemplo, aínda demasiada presenza masculina nos espazos públicos e moita presenza feminina nas portas das escolas e as consultas dos pediatras.
A ninguén se lle escapa que nas institucións non hai igualdade real entre homes e mulleres e que si non se cambian os modelos sociais e de participación vai ser difícil acadar igualdade real.
É verdade que cando non queremos mirar para o noso propio patio, botamos o ollo no patio alleo, e que é moi fácil tirar pedras nos tellados de outr@s, pero eu quero hoxe facervos coñecedores do que pasou na Igrexa galega a finais do mes pasado. Vai por diante a miña condición de cristiá, pertencente á Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria e colaboradora habitual en Encrucillada, Irimia e outros proxectos de Igrexa Galega.
Hai uns días Isabel Gemio entrevistaba a Christina Moreira, unha galega que resulta ser a primeira muller sacerdote no estado español. Case ao mesmo tempo, entrevistas similares publicábanse na prensa escrita: «Oficio misa todos os domingos»
Ao día seguinte desta publicación, dende o Arcebispado de Santiago emitíase un comunicado que, nun ton un chisco displicente, desautorizaba a “esa señora” e deslexitimaba a súa ordenación.
Reparade nun detalle: na páxina de Relixión Dixital acompañaron o comunicado do arcebispado coas poucas pero contundentes imaxes de mulleres presidindo celebracións e partindo o pan e o viño nos primeiros séculos de cristianismo, nas primeiras comunidades. Falan por si sós os frescos das catacumbas ou os mosaicos que aínda se conservan de mulleres revestidas de autoridade ministerial.
Non tardaron en alzarse voces en apoio de Christina e o seu papel como sacerdote nunha comunidade cristiá que ao tempo defendían tamén a longa loita pola igualdade que as mulleres levamos na Igrexa. Dous días despois Engracia Vidal Estévez, muller de grande valía, contestaba ao arcebispado na mesma Relixión Dixital pedindo aos “señores masculinos” que abran os ollos ante esta realidade de discriminación que clama ao ceo.
A Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria á que Engracia e eu pertencemos desde a súa fundación, hai máis de 20 anos, non tardou tamén en preparar un documento de resposta, unha carta ao Sr. Arcebispo en apoio a Christina Moreira e en defensa da igualdade na Igrexa. Pódese ler completo neste enlace.
A Igrexa cambia cos tempos, fixoo sempre. Tamén o fará agora
Xa pasaron uns días de todos estes acontecementos (ainda que o Arzobispado de Madrid ven de impedir a Christina dar unha charla nunha parroquia), o foco mediático xa xirou para outro sitio, pero a causa da igualdade da muller na Igrexa segue o seu camiño. Os pasos que imos dando veñen dende moi lonxe no tempo e seguen avanzando. O noso discurso pola igualdade, de soar a imposible hai unhas décadas, agora resoa forte e verdadeiro, e tódalas persoas imos asumindo que é un dereito irrenunciábel, maila os medos que poida provocar. O medo é mal compañeiro de camiño: repousa na ignorancia e os prexuízos, e resulta un pésimo conselleiro si o que se quere é mirar cara adiante e avanzar.
A Igrexa cambia cos tempos, fíxoo sempre. Non hai que ter medo aos cambios, pois son consubstanciais á natureza humana. Non cambian as verdades fundamentais, pero si o xeito en que respondemos a elas co paso do tempo. No século II a Igrexa houbo de adaptarse a unha sociedade, a romana, se non quería que a mensaxe de Xesús se perdera para sempre.
Non hai máis que botar unha ollada a historia da Igrexa para ver como, buscando a fidelidade á mensaxe, houbo que ir dando pasos novos que supuxeron grandes acertos na historia da Humanidade. Avanzar, adaptarse ás novas realidades, propoñer respostas novas alí onde non se vían saídas. En moitas ocasións a Igrexa ergueu a súa voz profética denunciando inxustizas e corrixindo o rumbo da historia humana, e noutras asumiu os seus erros e reconduciu situacións que se revelaban inxustas.
Presenza nos órganos de goberno e na toma de decisións
Cada situación histórica presenta os seus retos e propón novas cuestións ás que non podemos non dar resposta. O debate pola igualdade hai tempo que está aberto na Igrexa. Tal e como están hoxe a organización eclesial, negar ás mulleres o aceso aos ministerios ordenados impide que podamos ter presenza nos órganos de goberno e na toma de decisións.
Por iso, a cuestión da ordenación das mulleres é un asunto con moito máis calado que o que de principio pode parecer. Dentro das feministas cristiás hai diferentes sensibilidades acerca da cuestión da ordenación pois moitas non estamos de acordo cun modelo de organización xerárquico, pero non hai dúbidas acerca do noso dereito ao acceso aos lugares de culto, goberno e decisión na estrutura eclesial.
Outra cuestión con carácter histórico é a conformación da práctica sacramental tal e como a coñecemos hoxe. É tamén froito dun proceso iniciado en xestos e ritos de Xesús, pero conformado segundo os canons rituais das determinadas épocas nas que se foron configurando. Na Igrexa temos que perder o medo a cambiar as maneiras de dicir e facer sempre que non deixemos de ser fieis á mensaxe de Xesús, fieis ao Reino de Deus que tentamos construír.
Houbo un tempo no que, por exemplo, as persoas que non eran brancas non tiñan voz nin voto na organización eclesial, porque tampouco tiñan voz nin voto no contexto social. Pero ese tempo xa rematou. Os homes de diferentes razas xa gozan de plenos dereitos na Igrexa… E as mulleres. Por qué non??
Está chegando á súa fin o tempo da desigualdade. As mulleres xa non podemos seguir esperando e aceptando que falen e decidan por nós. Precisamos xa algo máis que xestos e boas intencións. Na Igrexa precisamos con urxencia pasar da tolerancia á aceptación. Ou é que acaso hai quen pense aínda que Deus non quere a Igualdade?
Marisa Vidal
Máis sobre o tema:
Mujeres ordenadas en la iglesia primitiva. Libro publicado pola Asociación de Teólogas.
Movemento pola ordenación de mulleres.
Décimo aniversario da primeira ordenación de mulleres no Danubio (2002-2012)
Parabéns polo artigo Marisa. Crenzas á parte, xustiza e igualdade sempre.