La Voz de Galicia
Hablando de riqueza, pobreza, exclusión y con quienes no quieren quedarse al borde del camino
Seleccionar página

¿E ti por qué estás nun centro de menores se non tes cara de mala?”.

Preguntáronllo nunha entrevista de traballo a Jenni, unha xoven ex tutelada, cando ainda residía nunha das vivendas de acollida da ONG Igaxes3. Non se trata dun caso aillado, «Te miran distinto. La primera frase que suele soltarte la gente es ‘por algo estás ahí», din nesta imprescindible entrevista José Antonio, Ibrahim, Quique e Xabier. Os xóvenes que viven en centros de protección vense día a día na difícil tarea de procurarse un futuro e, ademáis, de combatir a sospeita dos demáis. A sospeita de quen quere ver neles persoas problemáticas ou conflictivas.

Foto: www.fepa18.org

Como calquera outro prexuicio social é mentira: os mozos e mozas que viven nunha situación de protección non son culpables, senon vítimas. As razóns de que viviran separados das súas familias non son responsabilidade súa: nalgún intre padeceron unha situación que lles viu imposta e que os obligou, ademáis, a afrontar unha traxectoria vital moi complexa.

Detrás de historias positivas como as de Youssef, Lis, Ousmane o Sonia ou outros moitos xóvenes sen apoio familiar que se fixeron maiores nun centro de menores. Detrás da sensatez de Jose, un mozo ex-tutelado do recoñecido programa Mentor ó que poden ver no vídeo (minuto 6), hai un traballo inmenso de profesionais con vocación e unha elevada formación. Con varios deles tiven a sorte de estar hai uns meses no encontro de FEPA “Creando un mañana“.

De esforzo e formación eficaz faláballes hai anos, cando se presentou a primeira edición do xa prestixioso e esixente Máster en Intervención e Emancipación de Xóvenes en Conflicto Social organizado por Igaxes3 e a Universidade de Santiago de Compostela. E que agora ten aberto o prazo de inscripción para a súa sexta edición.

Deixolles coa historia de Rocío Vázquez, ex-alumna do Master e educadora nunha vivenda de Igaxes3 (ao igual que outro 30% da súa plantilla). Demostrando todos os días que mozos e mozas non só son o futuro, tamén son o presente.

Grazas, Rocío.

Vítimas, non culpables. ¿Por qué traballo con mozos e mozas tutelados?

Dende moi pequena admirei as miñas mestras e mestres. Sobre todo aquelas que me aportaron algo mais alá do estritamente académico. En xeral podo dicir que houbo grandes persoas que me acompañaron mentres medraba, que influíron en que a pedagoxía fose a miña vocación. Por todo isto, creo na aprendizaxe ao longo da vida, no aprender día a día e no proceso inacabado da educación. Tamén para min mesma, xa que quizais nesta profesión é na que máis debemos ser conscientes de que nunca se sabe todo e que non deixaremos de aprender algo novo,  por parte de todas e cada unha das persoas que nos rodean.

Topei con Igaxes3 por primeira vez hai sete anos, cando participei no proxecto Berenguela. Aínda que xa escoitara falar de empoderamento, non foi ata aquel momento que tiven a oportunidade de comprender a amplitude deste concepto. Nesta etapa tamén tiven a sorte de coñecer Humanus CAM: en Lisboa achegámonos a esta experiencia de empoderamento persoal e colectivo. Isto axudoume a ver que podemos e debemos seguir medrando como persoas e como grupos.

Cando traballamos nun proxecto, os educadores e educadoras non somos unicamente executores, senón tamén beneficiarios. Os e as profesionais do traballo con menores só temos sentido dende a verdadeira vocación educativa, e o noso obxectivo é o de aprendermos xunto ás persoas coas que estamos traballando, co fin global de construír unha sociedade mellor. Se isto non é así, mellor seguir outro rumbo.

Anos despois, ao inscribirme no Máster en Intervención e Emancipación de Mozos/as en Conflito Social, dei o primeiro paso para emprender un longo camiño. Se coma min decidides aventurarvos neste camiño, veredes que é pedregoso ás veces, pero nel iredes aprendendo con todos e cada un dos rapaces e rapazas con quen esteades día a día, sen deixar de sorprendervos a vós mesmas.

Mentres estaba realizando o Máster xurdiu a oportunidade de traballar como educadora no Programa Mentor. Naquel momento estiven nun mar de dúbidas, sobre todo relacionadas coa miña capacidade. Xa naquel momento consideraba que ser educadora nunha vivenda de apoio á independencia era un emprego moi esixente.

Pero finalmente aquí estou, e… que podo dicir disto? Que é incrible!! No meu emprego anterior eu era orientadora laboral e a miña relación coas persoas comezaba pola confección dun currículo. Algo verdadeiramente fácil e cómodo: achegábanse a min e pedíanme o que necesitaban. Porén, no traballo con mozos e mozas nunha vivenda tutelada non se parte deste punto, senón de moito máis atrás.

Ata chegar a este momento hai unha fase de quecemento, máis ou menos longa dependendo de cadaquén. Durante esta fase os rapaces e rapazas adoitan repetir “eu non quería estar aquí”. E nós, en exercicio de motivación profesional, repetímonos “estamos aquí porque queremos”. Nese vai e vén aprendemos a comprendernos para construír un camiño a seguir. Para mellorarmos e medrar, sen acabar nunca.

Nos dous anos que levo traballando na vivenda tutelada, aprendín sobre todo o verdadeiro valor do respecto. Ás veces partimos da idea de que todas e todos sabemos o que significa esta palabra e que podemos, xa que logo, esixirlles aos demais que o exerzan.

Pero algo que parece tan sinxelo, en realidade non o é. As persoas aprendemos a respectar vendo como outros nos respectan a nós mesmos. Cos mozos e mozas coas que traballamos sucede igual.

Aquí  descubrín que non é necesario berrar máis forte que o outro para acadar o seu respecto ou a súa escoita. Se isto fose así, eu estaría perdida, pois a miña gorxa non mo permite. Experimentei que, sen perder a calma e mantendo sempre o respecto cara ao outro, máis tarde ou máis cedo acabarán por responderche do mesmo xeito.

Nada máis me queda que dicirvos, a aquelas e aqueles que xa esteades decididos e motivados para ser especialistas na intervención coa mocidade, que sexades benvidas á aventura inacabable de empoderarse para empoderar.

Rocío Vázquez