La Voz de Galicia
Hablando de riqueza, pobreza, exclusión y con quienes no quieren quedarse al borde del camino
Seleccionar página

Poucas imaxes me poñen máis triste que este mapa. Cada punto nesta web de Juventud Sin Futuro é unha historia dunha persoa obrigada a marchar de España a buscarse a vida. Dóeme tamén porque cada punto e a propia web son exemplos da sangria de inxenio e talento que está fuxindo dun pais que semella ter renunciado a loitar contra a desigualdade en beneficio dunha minoría.

Lémbrome do círculo vicioso da pobreza, un concepto utilizado ó estudar as razóns do subdesenvolvemento de moitos países, pero sobre todo de moitas persoas:   A pobreza adoita xerar máis pobreza. Sen políticas e intervencións activas e continuas en educación, saúde, emprego digno ou servizos sociais, a persoa que nace pobre, morirá pobre. Tamén os seus fillos. Tamén os seus netos…

¿Este é o futuro que lle agarda a mozos e mozas?

Esta semana terán oportunidade de reflexionar sobre estes temas se están por Compostela. O Consello Económico e Social de Galicia e o IDEGA organizan o 14 unha xornada sobre as perspectivas laborais da xuventude galega. E o 15 e 16 non se perdan la Conferencia InternacionalAdolescencia e xuventude: Da exclusión social á Cidadanía Activa“. Si están en Mallorca, teñen a oportunidade de acompañarme no  V Intercambio de profesionais “Creando el mañana”.

Xuventude con talento que se vai, ou mellor á que botan. E mozos con talento que aínda quedan e sofren polas continuas despedidas de amigos ou amigas pero que non se renden. Unha delas Romana Pérez de Lis, unha politóloga e traballadora social comprometida á que xa coñecen escribindo de Palabras mentirosas sobre gitanos ou Que no les hipotequen la vida.

Grazas Romana. Tamén por non rendirte.

Non marchamos. Botádesnos!

Mobilidade exterior, así chama o Goberno ao exilio forzado de 70 mozos e mozas ao día en Galicia. Falan de éxito profesional, de oportunidade de aprender idiomas, de facer curriculum… mentres aquí vas perdendo o imprescindible capital social profesional, ese tecido que che garante polo menos poder pasar a criba e ter acceso a unha entrevista.

Facer a maleta por tanto non significa soamente o desarraigamento afectivo e emocional, tamén o profesional. Emigramos a unha Europa infestada de minijobs, na que con sorte seremos cidadás de segunda (non se nos esquece que até na precariedade hai clases) e poida que algunha salga en “Españoles por el mundo” contando o que bota de menos a tortilla de pataca e o xamón. Pero esquécesenos que esta terra está chea de recursos, de riqueza. Esquécesenos (case sempre) que esta terra é nosa.

O paro xuvenil alcanza xa o 55,8%, o 80% das menores de 30 anos segue vivindo cos seus pais, unha cuarta parte vive en risco de exclusión, case o 30% das que logran un emprego fano a xornada parcial o que redunda na precarización.

Ademais dun (des)Goberno xerador de pobreza e exclusión, detrás destas cifras hai máis culpables. Aquelas que vampirizan a unha xeración á que deixaron sen futuro, pero tamén sen presente. Convéncennos de que non hai outra saída: ou o tomas ou o deixas, haberá mil como ti esperando na porta. Traballa gratis ou case gratis, polo teu ben, non polo seu. Non para garantir o seu salario que será cinco veces o teu, nin asegurar chegado o momento a súa prestación por desemprego (á que ti non tes dereito porque traballas de maneira irregular), nin para pagarlles do día 1 ao 5 de cada mes sen atraso nin opción alugueres astronómicos que se negan a renegociar.

Aquelas que nos asfixian, que non nos deixan espazo, son os mesmos que se escandalizan vendo como prende esta frustración nunha manifestación, como se ocupan casas baleiras en ruínas e terras improdutivas para xerar espazos de encontro e saídas alternativas á desmotivación e a fuxida.

Crear canles de solidariedade alternativos é subversivo. Ter ideas tamén.

Violencia é cobrar 2,95€/hora, despedir a compañeiras brillantes en aeroportos con máis medo que ilusión, enlazar até os absurdo contratos de “aprendizaxe e formación”, o voluntariado abusivo e a nova modalidade de utilizar os períodos de proba permitidos como alternativa á contratación. Violencia é que con 1.700 causas de corrupción en España e máis de 500 imputados e só 20 estean en prisión.

Xorden iniciativas paralelas ás institucións, con nome e apelidos, imprescindibles para facer fronte ao día a día. Aparecen centros sociais autoxestionados nos que se permite participar na toma de decisións de maneira asemblearia, nos que todas teñen voz e ofrécense solucións na medida das súas posibilidades, proxectos como Videocartas Galiza-Berlín, para contar o que está a pasar con creatividade e rigor, bancos de tempo, recuperación de espazos degradados, cooperativas de consumo responsable… unha batalla contra o individualismo atroz.

As consecuencias son incalculables, non só polo talento desperdiciado, fundamental para o cambio social, senón porque todas nós cotizaremos noutros países, e non volveremos, por tanto quen sosterá o “insustentable” deste sistema perverso? Dende logo, chegou a hora de sinalar ás culpables deste éxodo xeracional, de facer autocrítica e decidir se realmente a mocidade está perdida ou a perdemos entre todas.

@romana_lis