O 30 de xaneiro será o Día Escolar pola Paz. Cando en cada vez máis foros se defende a violencia como solución para a inxustiza actual, convén lembrar especialmente este día, e mellor se o facemos dun xeito optimista.
Para ilusionarnos hoxe, ninguén mellor que un mestre como Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e director da Fundación Cultura de Paz en Galicia.
Grazas, Manuel
Os anxos que levamos dentro
Steven Pinker, profesor canadense e director do Centro de Neurociencia Cognitiva no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, ven de publicar un magnífico libro (Editorial Paidós) co mesmo título deste artigo, cun subtítulo no que adianta a súa principal tese, «o declive da violencia e as súas implicacións», que eu comparto.
A citada publicación, moi exhaustiva e mellor documentada, empeza por sinalar que aínda que a maioría da xente non o crea, a violencia ven descendendo historicamente e que quizais vivamos na época máis pacífica da existencia da nosa especie.
Non sen dificultades, claro, pois non somos quen de acadar o grao cero. Sen embargo, Pinker documenta que, desde os enfrontamentos bélicos ate as malleiras ós cativos e ás mulleres, temos realizado un longo percorrido na boa dirección e que afecta a todos os aspectos das nosas vidas, á nosa propia existencia diaria, dado que é moi distinta a cando tiñamos que estar preocupados por si seriamos vítimas dun rapto, dunha violación ou da morte violenta.
Certo que son moitas as persoas que seguen a ver o mundo como un terrible pesadelo de crimes, terrorismo, xenocidio e guerra. Sen embargo, con perspectiva histórica, debemos comprender que vivimos, certamente, con dificultades, nun período con niveis inauditos de coexistencia pacífica.
Desde logo que, por moi pequena que sexa a porcentaxe de mortes violentas, afirma Pinker, en números absolutos sempre haberá as suficientes como para encher o telexornal da noite, de tal maneira que a percepción subxectiva da xente respecto da violencia non terá correspondencia coas proporcións reais da mesma. En calquera caso, a redución das violencias nos distintos ámbitos, na familia, o barrio, entre tribos e faccións armadas, ou entre países e estados, en opinión do autor canadense, visto con perspectiva histórica, ten diminuído drasticamente. Son as propias facultades humanas, as nosas capacidades, os anxos que levamos dentro, as que nos predispoñen para a cooperación e a paz.
Pinker fala de seis grandes tendencias, cinco demos interiores, catro anxos e cinco forzas históricas.
As seis tendencias analizan a evolución histórica da Humanidade:
- Unha primeira, chamada proceso de pacificación, que iría desde a anarquía, a caza, a recolección e as sociedades hortícolas ate as primeiras civilizacións agrícolas, cidades e gobernos cun descenso ate a quinta parte dos índices de mortes violentas.
- Unha segunda, chamada, proceso de civilización, abranguería desde o final da Idade Media ate a Ilustración, cunha redución de entre dez e quince veces os índices de homicidios.
- A terceira, entre a Razón e os séculos XVII e XVIII, época na que aparecen os primeiros movementos organizados para abolir formas de violencia toleradas como o despotismo, a escravitude, os duelos, a tortura xudicial, as matanzas supersticiosas… e os primeiros indicios de pacifismo sistemático. A esta etapa a chama revolución humanitaria.
- A cuarta, a finais da Segunda Guerra Mundial, con avances sen precedentes históricos, chámalle a longa paz.
- A quinta, desde finais da Guerra Fría en 1989, os conflitos terían diminuído significativamente, guerras civís, xenocidios, represión autocrática, atentados terroristas…
- E finalmente, a época actual, na que os avances nos dereitos civís, das mulleres, dereitos dos nenos, gays e dereitos dos animais son moi evidentes e que Pinker denomina, as revolucións polos dereitos.
Os cinco demos interiores serían a violencia depredadora ou instrumental, o dominio, a vinganza, o sadismo e a ideoloxía como utopía xustificadora da violencia ilimitada para acadar un ben tamén ilimitado.
Os catro mellores anxos serían a empatía, o autocontrol, o sentido moral e a razón.
Por último, as cinco forzas históricas terían que ver co Leviatán, o estado e o sistema xurídico que monopoliza o uso lexítimo da forza; o comercio, como un xogo de suma positiva no que todo o mundo pode gaña; a feminización progresiva das culturas que respectan, cada vez máis, os intereses, os valores e os dereitos das mulleres; o cosmopolitismo, a alfabetización progresiva, a mobilidade e os medios de comunicación de masas; e, por último, unha redobrada aplicación do coñecemento e a racionalidade ós asuntos humanos, o que Pinker chama, a escaleira mecánica da razón.
Fagamos as paces, rexeitemos as violencias, valoremos o que temos acadado con tanto esforzo e sufrimento, e comprendamos que o que hoxe temos, existe, entre outras razóns, porque moitas persoas de ben, de xeracións pasadas, quedaron horrorizados pola violencia da súa época, e se esforzaron por reducila, da mesma maneira que nós temos que esforzarnos por reducir as violencias que persisten na actualidade, porque, recoñecer que as violencias diminúen ratifica que eses esforzos por erradicalas, merecen a pena, sen nengún xénero de dúbidas.
Manuel Dios Diz