La Voz de Galicia
Hablando de riqueza, pobreza, exclusión y con quienes no quieren quedarse al borde del camino
Seleccionar página

«La alegría es un acto de rebeldía«, di nunha foto en Facebook, Beti Vazquez, a quen lle agradezo a súa colaboración para por fin comezar a falar no meu blog da importancia do noso consumo na loita contra a pobreza e das posibilidades da economia alternativa. Beti, ademais dunha rebelde con ledicia, é unha recoñecida xornalista e colaboradora da asociacion PANXEA, promovendo o comercio xusto e o consumo responsable en Compostela na súa tenda e cooperativa de consumo.

ESPERTANDO A PEPIÑO GRILO: Outro consumo é posible

Di Galeano en Las venas abiertas de América Latina que a división do traballo consiste en que uns países se especializan en gañar e outros en perder. A estas alturas, todas sabemos quen é quen no xogo do comercio internacional. E todas, como persoas consumidoras que somos, apoiamos unhas regras que son inxustas. Hoxe, nuns días, os de Nadal, nos que a publicidade nos preña de necesidades que nunca tivemos e nos que o GPS do noso coche xa sabe o camiño das grandes superficies, imos compartir neste blogue unhas cantas ideas para que, xa que non imos deixar de consumir, alomenos poidamos facelo de maneira informada e consciente.

Publicidade

Se os anuncios nos quentan a cabeza durante todo o ano, nestas datas os cantos de serea do consumismo óense aínda máis fortes. As grandes marcas lanzan campañas que nos fan sorrir, que apelan aos nosos sentimenos, que nos mostran o lado positivo da vida ou que nos lembran as supostas razóns para crer nun mundo mellor. Mais hai outros ‘anuncios’, a contrapublicidade que non nos ensinan pola tele, que nos fan ver as prácticas que estamos a apoiar cada unha de nós con actos a priori tan inocentes coma refrescar a gorxa.

http://www.youtube.com/watch?v=fiE8KbqQsf8 http://www.youtube.com/watch?v=bFZu_bM0X2s

Comercio xusto

Que é iso do comercio xusto? Unha ONGD? Vender máis barato? Axudar aos pobres?

8 de maio. Dia mundial do comercio xusto

Nada diso. ‘Comercio xusto’ é un concepto que apela a outra maneira de facer a compra que pasa por pór en valor o traballo das persoas produtoras e por darlle un respiro ao medio ambiente, tanto no Norte coma no Sur.

Entender a necesidade de mudar os nosos hábitos de consumo cara a prácticas coma esta é moi doado na Galiza. De seguro que todas temos na retina as imaxes aínda frescas dos tratores das nosas gandeiras peregrinando polas rúas, queixándose duns prezos do leite que non cubrían os custos de produción. Primar o leite galego por riba do que vén de fóra, e pactar con esa gandeira un prezo ‘xusto’ para ela e para nós como consumidoras sería comercio xusto. E agora imos facer un exercicio moi sinxelo: onde di ‘leite’ poñemos ‘café’ e mudamos no noso maxín esa gandeira galega por unha cooperativa do Sur: no comercio xusto prímanse os ciclos curtos de distribución fronte aos ‘alimentos quilométricos’, e veñen doutros países os produtos que non se colleitan aquí, coma o cacao ou o café.

En todo o país hai varios puntos nos que poden informarnos máis sobre o consumo consciente: cooperativas coma Árbore en Vigo; A Cova da Terra en Lugo; Panxea en Compostela; Zocaminhoca na Coruña; A Xoaninha en Ferrol ou grupos de consumo coma Eirado ou Salgueiriños de Consumo en Compostela, Loaira en Redondela, Agrelar en Allariz, A Landra no Carballiño ou A Gradicela en Pontevedra.

Banca ética

Sabemos en que empresas participa o noso banco ‘de confianza’? A onde vai parar o froito dos nosos intereses?

Campañas coma BBVA sen armas, Banco Santander sen armas ou Son cliente, non cómplice poñen enriba da mesa a resposta a esas preguntas a través do activismo accionarial. As dúas entidades mencionadas, coma outras moitas na banca tradicional, apoian empresas armamentísticas que producen bombas, explosivos, mísiles, armas nucleares ou de uranio empobrecido.

Existe unha alternativa ética? Hai máis dunha e xa están a funcionar. Se nos quedamos dentro das fronteiras galegas temos O Peto, unha entidade parabancaria que finanza a interese cero pequenos proxectos aos que a banca convencional lles fecharía a porta, coma as aulas para ter carné de conducir, unha tenda de artesanía africana ou mercar unha motoserra para poder traballar nunha madeireira. No seguinte nivel estaría Coop57, unha cooperativa de servizos financeiros que funciona en Galiza desde o 2009; e Fiare, outra proposta onde a transparencia e os principios da banca ética están por riba do beneficio económico.

Bancos de tempo

En moitas culturas se leva usado o tempo como moeda de troco real non inflaccionista. A hora dunha persoa sempre vale o mesmo a medida que pasan os anos, polo que un banco de tempo fomenta, ademais das relacións sociais, a igualdade entre quen participan nel. Como funciona? Imos pór por caso que non sabemos calcetar, mais manexamos moi ben un programa de edición de fotos. De seguro que no banco de tempo atoparemos alguén que nos axude cos puntos desa bufanda de cores, e alguén que precise que lle botemos unha man na composición dun álbume de imaxes para agasallar neste Nadal! Unha hora nosa vale o mesmo que unha hora de quen calceta.

E agora que xa coñecemos un pouco sobre bancos de tempo imos visitar Fervello na procura de alguén con coche que nos axude coa mudanza, alguén que manexe ben a tesoira e nos corte o pelo ou alguén con quen poder adestrar no noso inglés esquecido.

Roupa limpa

Este último punto ten como obxectivo as rebaixas de xaneiro. Se o noso Pepiño Grilo esperta preguntaranos se sabemos de onde vén a roupa que levamos posta e como foi producida.

Outra campaña de activismo accionarial, Roupa Limpa, danos unha resposta a todas estas preguntas, desta volta desde as xuntas de accionistas de empresas coma Inditex ou Adolfo Dominguez, as dúas galegas. Antes de mercar roupa debemos informarnos sobre quen a fixo e onde, preguntarnos por que nas etiquetas só saen nomes coma Marrocos ou Turquía e pararnos a reflexionar sobre se realmente precisamos un pantalón para cada día da semana. Tamén podemos acudir a unha tenda de balde –roupa e obxectos de segunda man que podemos levar sen deixar nada a cambio– ou recorrer ao troco, un sistema de mercado onde o que se ten en conta é o valor das cousas e non o seu prezo en moeda.

Comezaba esta entradiña cunhas verbas de Galeano. Agora xa sabemos que mudar as regras do xogo do comercio internacional non é tan traumático e que todas podemos aportar un gran de area, partindo da premisa de que as inxustizas que nacen do sistema capitalista só se combaten promovendo outro xeito de consumir que respecte o medio ambiente e as persoas.

Bo Nadal a todas!