La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cousas do medo

O outro día escoiteille dicir a unha señora que nunca, polo que ela pode recordar, se atreveu a retirarse a durmir sen mirar antes detrás das cortinas e debaixo da cama, en busca de non se sabe que clase de fantasmas. Eu tiven unha parenta que facía o mesmo, pero hai xa moitos anos, nunha casa inmensa, na que ademais non había luz eléctica e onde se cometera unha morte, precisamente nun salón que había que atravesar de forma inevitable para retirarse pola noite, cada un á súa alcoba, cun quinqué na man.

Un tío meu, que viviu só durante moito tempo nesa mesma casa da que falo, dicía que o medo axudaba a soportar a soidade. Ignoro o significado que lle daba a esta frase, porque nunca llo preguntei, pero dáme a impresión de que debía ser unha maneira de fuxir da monotonía. Despois de todo, daquela non había … Seguir leyendo

O lugar da noticia

O xoves estaba invitado a cear en Madrid con Carlos Fuentes. Os organizadores da reunión, na que nos xuntamos un pequeno grupo de amigos, pensaban que podiamos celebrar a concesión do Premio Nobel de Literatura ao novelista mexicano, un dos candidatos que máis soaban xunto co portugués José Saramago. Eu era escéptico, pois teño a impresión de que nunca gañan os escritores que ocupan o primeiro lugar nas quinielas que se fan nas vésperas do fallo. Finalmente, como todo o mundo sabe, o galardón foi para Dario Fo.

Non sei que pensaría o propio Fuentes, pero a verdade é que non se vía contrariado. Estivo contento e divertido. Pareceume que quen máis o sentiu foi o corresponsal do New York Times para Europa, que se sentaba ao meu lado e que se desprazou desde París só para estar no lugar apropiado, caso de acertar. Fallou.

Pola contra, Dario Fo non … Seguir leyendo

Os burros e o progreso

Había tempo que non presenciaba ese espectáculo, antes tan frecuente, de ver un home indignado mallando nun burro. Pasou onte pola tarde, aquí perto do lugar onde vivo. Fun dar un paseo por entre os piñeiros, apartándome da estrada, cando descubrín un paisano irritado porque o pobre animal, que traía carga, se negaba a pegar un saltiño para pasar un valado. A pugna entre o asno e o bicho empezou polo ronzal, turrando cada un cara ao seu lado; logo viñeron os xuramentos, bastante bárbaros, e por último os paus.

O que primeiro me sorprendeu foi a violencia do home, un túzaro mal encarado ao que non saudei por temor a causarlle algunha molestia. Logo decateime de que o verdadeiramente insólito era o burro en si, un medio de transporte que eu daba por desaparecido, quizais cun optimismo histórico un pouco esaxerado.

Cando Richard Ford andou por España no século … Seguir leyendo

Como tomates

Onte pola tarde, ningún alumno dun grupo de vinte e cinco soubo distinguir a diferenza que existe entre “quitar” e “sacar”. Unha rapaza confesoume que para ela era o mesmo dicir “quitar  o bolígrafo dun caixón” que “sacar o bolígrafo do alto da mesa”. Quedou moi sorprendida cando lle expliquei que as dúas frases resultaban incorrectas. Para que o entendese, recorrín a unha norma que nos daban antes na escola e que non debe ter uso na actualidade, polo menos se un xulga polo descoñecemento xeneralizado que descubrín onte.

Eu recordo, como recordarán moitas persoas da miña idade, aquela regra que dicía: “Sácase o que se mete e quítase o que se pon”. Non parece difícil de aprender e deixa as cousas claras para sempre. Non é que a confusión entre os dous verbos sexa un delito grave, pero tampouco custa tanto que a xente fale con algo máis de … Seguir leyendo

A estética da derrota

Os periódicos non falaron demasiado estes días do xeneral ruso Alber Makashov, un dos protagonistas principais dos sucesos ocorridos en Moscova. Eclipsado polas figuras máis coñecidas da revolta, pasou case desapercibido, a pesar de que foi el quen dirixiu o asalto á televisión. Púxose á fronte da algarada en traxe de campaña, con gorra de paracaidista e metralleta na man, tal como se estivese participando nunha gran batalla entre exércitos e non nun asalto rapiñeiro e gorrón.

Viuse na televisión no momento de entregarse: cara aplastada, bigote espeso, xesto solemne e mirada terrible, quizais excesivamente feroz. Polo menos en aparencia, non pertence á raza  deses tipos que meten medo, senón que forma parte do grupo dos que chaman a atención pola grandeza desmesurada do porte.

Este xeneral alto e chupado, rudo guerreiro á fronte dunha multitude armada con paus, no momento de renderse foi trasladado desde o lugar dos sucesos … Seguir leyendo

Hemingway

Desde onte, Ernest Hemingway ten unha placa en Santiago, na fachada do antigo hotel Suízo, onde pasou algunhas tempadas nos veráns de 1927 e 1929. Ese dato, que eu saquei hai anos  da súa correspondencia, revela un capítulo inédito na vida do escritor norteamericano, que estaba namorado de Compostela, cidade que consideraba a máis fermosa de España, e da súa catedral, que pensaba que non admitía comparación con ningunha outra no mundo. Froito desta dobre devoción foi a homenaxe que lle quixo render na súa novela O vello e mar, elixindo o nome de Santiago para bautizar con el o mariñeiro inesquecible que o escritor retratou no seu famoso relato. Era unha débeda pendente, pero aínda falta algunha máis.

Aínda quedan Vigo e A Coruña. A primeira das cidades foi a terra que pisou en primeiro lugar cando chegou a España no ano 1921, camiño de París. Nunca antes … Seguir leyendo

Confesións

Ignoro se será certa aquela frase que se atribúe a Goebbels de que cando escoitaba a palabra cultura tiraba de pistola. Tanto ten que a pronunciase ou non, porque iso foi o que fixo durante toda a súa vida. O que si é certo é que eu lle escoitei dicir unha vez a un político con responsabilidades, que el non se preocupaba demasiado das “caralladas da cultura”, pois prefería ocuparse de cousas máis prácticas. Tamén é verdade que, no bando oposto, lle oín falar con frecuencia a xentes da cultura do moito que se sacrificaban polos demais. Lamentablemente, todo vai no mesmo saco.

Ninguén confesa nunca as súas verdadeiras virtudes da mesma maneira que ninguén admite nunca os seus verdadeiros pecados. Polo que respecta a estes últimos, un pode presumir dos falsos ou dos que son facilmente perdoables por humanos (ser comellón, ter mal xenio, sentir debilidades relacionadas co sexo, … Seguir leyendo

Volver de Cuba

Cando escribo este artigo estou a poucas horas de emprender a viaxe de volta. Antes terei que dar a última conferencia para un grupo de investigadores no Instituto de Literatura. Aínda que o cansazo empeza a modificar o corpo, falto de sono por tantas tertulias nocturnas, falar de literatura sempre resulta grato e divertido. Así que, despois do almorzo e co tempo xusto para coller o avión, haberá que cumprir con este compromiso. Espero que os sabios se mostren comprensivos e non me metan en demasiados apuros.

Polo demais, as nove horas longas que dura o voo, se o sono non chega, que case seguro non chegará, dan bastante de si. En primeiro lugar, para poñer as ideas en orde, liberado do frenesí apremiante de cada día, esa velocidade con que pasan as persoas e as cousas diante de un, sen tempo apenas para pensar nelas.

O peor é que … Seguir leyendo

Recapitulando

Por fin cesou esta calor abafante que tivemos durante todo o mes de setembro en Nova York, con días nos que a temperatura se achegaba aos corenta graos. Agora empeza o frío, a xente sacou a roupa de outono e na rúa onde vivo xa non se escoita o zunido dos aparatos do aire acondicionado, que era como o moscardeo obsesionante dun insecto monstruoso. O cambio coincide co final do meu curso. Dei xa as cinco leccións e as dúas conferencias que formaban parte das miñas obrigacións docentes e chegou o momento de facer as maletas. Despedinme xa dos compañeiros do departamento e fixen as fotos de rigor cos alumnos o último día.

As horas que restan son para facer unha parte mínima de todo o que foi quedando para a última hora, eses plans que se deixan un día e outro, pensando que sempre haberá un oco. Non fun, … Seguir leyendo

A maldade dos outros

É certo que don Antonio Cánovas roubaba libros. Tamén é certo que Joaquín Costa non soportaba que lle mirasen para os pés, quizais porque os tiña pequenos e raros, dunha estraña forma caprina, segundo conta Baroja. O pintor Solana comía as chuletas cos dedos, enzoufábase de graxa ata as cellas e tiraba os ósos ao chan, o mesmo na súa casa que na dos amigos, cando era invitado. De Carlos Marx sábese, por exemplo, que lle roubaba cartos á criada. Son datos reais, non inventados.

Alguén recorda estes días que a Boris Yeltsin parece que lle gusta a botella. A revelación procede dos seus inimigos e con ela pretenden poñer en cuestión a capacidade política e sentido da responsabilidade do dirixente ruso. Sexa certo ou non, é unha acusación absolutamente inocua, como as dos personaxes anteriores.

Para os que xa lle queren mal, que Yeltsin beba máis da conta non … Seguir leyendo