La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde, ningún alumno dun grupo de vinte e cinco soubo distinguir a diferenza que existe entre “quitar” e “sacar”. Unha rapaza confesoume que para ela era o mesmo dicir “quitar  o bolígrafo dun caixón” que “sacar o bolígrafo do alto da mesa”. Quedou moi sorprendida cando lle expliquei que as dúas frases resultaban incorrectas. Para que o entendese, recorrín a unha norma que nos daban antes na escola e que non debe ter uso na actualidade, polo menos se un xulga polo descoñecemento xeneralizado que descubrín onte.

Eu recordo, como recordarán moitas persoas da miña idade, aquela regra que dicía: “Sácase o que se mete e quítase o que se pon”. Non parece difícil de aprender e deixa as cousas claras para sempre. Non é que a confusión entre os dous verbos sexa un delito grave, pero tampouco custa tanto que a xente fale con algo máis de corrección.

Naturalmente, non somos os galegos os únicos que cometemos este tipo de erros. A min sorprendeume moito, por exemplo, escoitar en Bilbao aquilo de “si tendría dinero, me compraría un coche mejor”, tan xeneralizado. Con todo, aínda se dá unha equivocación máis rara, esta en Salamanca, que pertence a Castela: a confusión entre “quedar “ e “deixar” ou entre “caer” e “tirar”. Non hai que ser un maniático do purismo, pero tampouco está ben que a xente vaia por aí amosando a súa ignorancia tal como se levase tomates nos calcetíns.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de outubro de 1996.