La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ignoro se será certa aquela frase que se atribúe a Goebbels de que cando escoitaba a palabra cultura tiraba de pistola. Tanto ten que a pronunciase ou non, porque iso foi o que fixo durante toda a súa vida. O que si é certo é que eu lle escoitei dicir unha vez a un político con responsabilidades, que el non se preocupaba demasiado das “caralladas da cultura”, pois prefería ocuparse de cousas máis prácticas. Tamén é verdade que, no bando oposto, lle oín falar con frecuencia a xentes da cultura do moito que se sacrificaban polos demais. Lamentablemente, todo vai no mesmo saco.

Ninguén confesa nunca as súas verdadeiras virtudes da mesma maneira que ninguén admite nunca os seus verdadeiros pecados. Polo que respecta a estes últimos, un pode presumir dos falsos ou dos que son facilmente perdoables por humanos (ser comellón, ter mal xenio, sentir debilidades relacionadas co sexo, incluso ser soberbio), pero non coñezo a ninguén que declare ser envidioso ou ladrón. Igualmente, un pode presumir de ser bo; non de ser excelente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de outubro de 2000.