La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había tempo que non presenciaba ese espectáculo, antes tan frecuente, de ver un home indignado mallando nun burro. Pasou onte pola tarde, aquí perto do lugar onde vivo. Fun dar un paseo por entre os piñeiros, apartándome da estrada, cando descubrín un paisano irritado porque o pobre animal, que traía carga, se negaba a pegar un saltiño para pasar un valado. A pugna entre o asno e o bicho empezou polo ronzal, turrando cada un cara ao seu lado; logo viñeron os xuramentos, bastante bárbaros, e por último os paus.

O que primeiro me sorprendeu foi a violencia do home, un túzaro mal encarado ao que non saudei por temor a causarlle algunha molestia. Logo decateime de que o verdadeiramente insólito era o burro en si, un medio de transporte que eu daba por desaparecido, quizais cun optimismo histórico un pouco esaxerado.

Cando Richard Ford andou por España no século XIX xa mostrou o seu asombro polo número excesivo de burros que atopou no país, o cal entendía el como un signo de atraso en comparación con outros lugares de Europa. O feito de que máis de cen anos despois se sigan empregando estes animais nos labores do campo quizais sexa unha proba desas pequenas diferenzas que nos separan dos nosos veciños. Claro que peor sería aínda que os curas, tal como di o mesmo Ford, seguisen bebendo leite de burra para tonificar o estómago.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de outubro de 1994.