La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

É certo que don Antonio Cánovas roubaba libros. Tamén é certo que Joaquín Costa non soportaba que lle mirasen para os pés, quizais porque os tiña pequenos e raros, dunha estraña forma caprina, segundo conta Baroja. O pintor Solana comía as chuletas cos dedos, enzoufábase de graxa ata as cellas e tiraba os ósos ao chan, o mesmo na súa casa que na dos amigos, cando era invitado. De Carlos Marx sábese, por exemplo, que lle roubaba cartos á criada. Son datos reais, non inventados.

Alguén recorda estes días que a Boris Yeltsin parece que lle gusta a botella. A revelación procede dos seus inimigos e con ela pretenden poñer en cuestión a capacidade política e sentido da responsabilidade do dirixente ruso. Sexa certo ou non, é unha acusación absolutamente inocua, como as dos personaxes anteriores.

Para os que xa lle queren mal, que Yeltsin beba máis da conta non lle engade un gramo de maldade á imaxe espantosa do presidente que eles mesmos teñen gravada nas súas cabezas: o demo segue sendo horrible aínda que non se emborrache. Para os que lle queren ben, con calquera pecado se pode ser indulxente: unha copiña é incluso necesaria para soportar o peso do Estado, sobre todo cando este cae íntegro sobre as costas dun só home. Xa se aclarará todo no Xuízo Final.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de outubro de 1993.