La Voz de Galicia
Seleccionar página

Cando eses individuos deportados por Israel, atados de mans e cos ollos vendados, chegaron a terra de ninguén, no sur do Líbano, o primeiro que fixeron foi colocarse en actitude de orar e dar grazas a Deus. Pouco despois, cando os tanques libaneses os empuxaron cara á fronteira israelí, onde foron recibidos a tiros pola infantería xudía, que lles disparaba rasante por riba das cabezas, volveron facer un alto e de novo se puxeron a rezar. Non se trataba só dunha manifestación piadosa, senón dunha acción lóxica e razoable.

A maioría destes homes pertencen a un grupo violento e implacable, que por riba de todo quere rebentar o proceso de paz que abriron xudeus e palestinos. Guiados por clérigos intelixentes e terribles, consideran que o terrorismo é a mellor arma que Deus lles deu para acabar cos seus inimigos, aos cales lles negan calquera dereito a seguir na terra de Israel. Un camiño cego que leva ao desastre.

Conseguir que o goberno de Rabin os deportase foi un triunfo para eles, pois de ser uns asesinos repugnantes e desprestixiados pasaron a converterse nas vítimas da intolerancia xudía. Por iso rezaron con tanto fervor cando se decataron de que os seus obxectivos se ían alcanzando con tanta perfección.  Agora, coa simpatía espontánea de medio mundo, os clérigos prepáranse a recoller o froito: a paz vai ser máis difícil. Os palestinos partidarios da negociación están collidos. Nin o demo podería concibir un plan máis malvado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de decembro de 1992.