La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando escribo este artigo estou a poucas horas de emprender a viaxe de volta. Antes terei que dar a última conferencia para un grupo de investigadores no Instituto de Literatura. Aínda que o cansazo empeza a modificar o corpo, falto de sono por tantas tertulias nocturnas, falar de literatura sempre resulta grato e divertido. Así que, despois do almorzo e co tempo xusto para coller o avión, haberá que cumprir con este compromiso. Espero que os sabios se mostren comprensivos e non me metan en demasiados apuros.

Polo demais, as nove horas longas que dura o voo, se o sono non chega, que case seguro non chegará, dan bastante de si. En primeiro lugar, para poñer as ideas en orde, liberado do frenesí apremiante de cada día, esa velocidade con que pasan as persoas e as cousas diante de un, sen tempo apenas para pensar nelas.

O peor é que a nostalxia, como un can fiel, non ha faltar á cita. A felicidade das horas vividas con tantos amigos acábase aquí. O que vén despois non poderá ser máis que lembranza, esa forma inevitable da morte que nos vai roubando os momentos máis fermosos das nosas vidas. Non se trata de ningunha traxedia, senón dun feito natural, imposible de eludir. De maneira que non hai nada que lamentar. Nestes casos, o mellor é dar grazas ao destino, tan xeneroso, e confiar no portento marabilloso da memoria.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de outubro de 1995.