La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Por fin cesou esta calor abafante que tivemos durante todo o mes de setembro en Nova York, con días nos que a temperatura se achegaba aos corenta graos. Agora empeza o frío, a xente sacou a roupa de outono e na rúa onde vivo xa non se escoita o zunido dos aparatos do aire acondicionado, que era como o moscardeo obsesionante dun insecto monstruoso. O cambio coincide co final do meu curso. Dei xa as cinco leccións e as dúas conferencias que formaban parte das miñas obrigacións docentes e chegou o momento de facer as maletas. Despedinme xa dos compañeiros do departamento e fixen as fotos de rigor cos alumnos o último día.

As horas que restan son para facer unha parte mínima de todo o que foi quedando para a última hora, eses plans que se deixan un día e outro, pensando que sempre haberá un oco. Non fun, por exemplo, escoitar jazz e dubido que atope tempo para facelo. Tampouco chamei a algúns vellos amigos, que cando saiban que pasei aquí un mes e non fixen nada por velos, pensarán que son un desleixado.

Nunha cidade coma esta, onde hai tanto que ver, o tempo non chega a nada. Entre andar pola rúa, visitar museos e exposicións, asistir a algúns concertos e revolver nas librerías, vanse horas e horas. Nova York é como unha pastelería inmensa para un larpeiriño: quérense probar todos os pasteis con ansiedade ata que un se decata de que non é posible, que mesmo a gula ten límites, incluso físicos. Con todo, non me queixo en absoluto. Creo que aproveitei bastante ben o tempo. Agora, durante unha tempada, cando estea de volta, aínda seguirei gozando desta experiencia. As lembranzas, mesmo con nostalxia, permiten revivir os mellores momentos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de outubro de 1998.