La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Graza e utilidade

Hai anos celebrouse en París unha exposición de obxectos inútiles, inventados por xente para a cal non importa tanto o sentido práctico das cousas como a graza que estas poden ter. Había unha cadeira para limpar os dentes: abondaba con sentarse, abrir a boca e agardar que unha serie complicada de brazos articulados fixese todo o demais, é dicir, poñer a crema no cepillo, introducir este no seu sitio e iniciar os movementos necesarios para completar o labor ata o final. Que se saiba, o invento nunca chegou a prosperar.

Periodicamente aparecen no mercado artiluxios que non serven para nada; só tratan de substituír aparatos de función perfecta, pero tan simples que custa entender que non se poidan mellorar. É o que sucede co sacacorchos, por exemplo. De cando en vez, xorde un substituto que dura o pouco tempo que lle corresponde a un simple capricho.

Estes días fálase moito … Seguir leyendo

Cinto

O señor ese do que falei onte aquí, cando contei o que me sucedera por culpa dunha cámara antiga, miroume, como dixen, con cara de noxo. Só vin un rostro igual hai anos, nunha tenda de Vigo, unha vez que fun mercar un cinto. Quixo a casualidade que nada máis entrar, unha señora que se atopaba comprando un bolso se dirixise a min en ton amable, confesándome ser lectora diaria destas miudezas das que falo aquí. Intercambiamos unhas palabras e logo proseguimos cada un ao noso negocio: ela a ver o bolso; eu a adquirir o cinto que necesitaba.

O dono da tenda, un tipo finísimo, vestido de luxo, como se estivese nunha recepción real, trouxo varias mostras, todas moi bonitas. Nada máis velas, xa supuxen que o prezo debía ser tamén de órdago. Efectivamente, ao preguntalo confirmáronse as miñas sospeitas, de maneira que quixen saber se non habería algo … Seguir leyendo

Un home que insulta

Levo unha tempada lendo os artigos dun periodista madrileño que escribe cunha agresividade case cómica. Recórdame a un compañeiro meu da escola que tiña unha lingua espantosa, sempre a dicir maldades de todo o mundo, como se estivese en guerra permanente co planeta. Non sei por que razón, o branco preferido dos seus ataques era un rapaz algo maior ca nós, de nome Benito, que ía a outra escola e do que proclamaba en voz alta unhas barbaridades tremendas. Un día dixo del que era burro ata nos pulmóns.

O periodista do que falo escribe con saña. En pouco máis dun mes, lévolle contado as veces que empregou a palabra bobo aplicada a distintos personaxes da vida pública española, aos que acusa de dicir estupideces, e estase achegando á docena. Outras palabras que utiliza moito son mamarracho, idiota e incompetente.

O curioso é que eu coñezo ao furioso e, visto … Seguir leyendo

Unha cuestión técnica

Ese personaxe chamado O Carallete, do que xa teño falado quí noutras ocasións, amigo do pintor Xavier Pousa, ademais de interesarse pola política internacional, tiña tamén a preocupación das viaxes espaciais. Antes de que os americanos chegasen á lúa, andaba el preocupado por esa cuestión, tanto que estaba convencido de que o lugar adecuado para ir ata alá estaba preto da Guarda, nas proximidades do Miño, onde vira unha vez o satélite a rentes do chan: “É a ocasión de entrarlle raso”, dicía.

Por aquela época, O Carallete defendía a primacía dos rusos sobre os americanos, ou o ruso e o americano, como falaba el, debido a unha cuestión técnica. Segundo explicaba, a cousa dependía de que os primeiros andaban xa pola soldadura autóxena, mentres que os ianquis aínda seguían andando polo parafuso.

Confeso que cando eu era estudante en Santiago, os rapaces progresistas pensabamos algo parecido respecto da Unión … Seguir leyendo

Comer ricos

Alá polo verán do ano 1964, percorrín en moto co padre Antoni Totosaus, un cura catalán, as montañas do sur da provincia de Ourense. No lugar da Xironda, na raia con Portugal, coñecimos unha rapaza intelixente, pequena e guapa, pero analfabeta, que estaba convencida de que os comunistas eran caníbales, en parte pola similitude que ela descubría entre os sons iniciais das palabras “comunista” e “comer”. Custounos traballo convencela de que non era certo e tampouco estou seguro de que o conseguísemos.

Debeuse convencer máis adiante, cando marchou a servir a Barcelona e onde acabou sendo profesora e comunista, ambas as dúas cousas por influencia do cura Totosaus. Gustaríame saber que contas botaría estes días, se é que leu esa noticia de que os comunistas chineses comeron xente durante a famosa revolución cultural.

A revelación coincide coa aparición, polo menos en Vigo, dunhas pintadas perfectamente realizadas con plantilla, nas que … Seguir leyendo

O Metro

Moverse por Nova York require o uso dalgún medio de transporte, como sucede en calquera cidade grande. Con frecuencia, un equivócase facilmente nas distancias, pois o sistema de nomear as rúas polo número pode inducir a errores, o cal, ao cabo do día, supón meterlle un número excesivo de quilómetros ás pernas, demasiados incluso para un andarín como son eu. Polo tanto, se un quere percorrer a cidade de norte a sur e de leste a oeste, non ten máis remedio que subirse nun autobús ou meterse no metro. Por suposto, queda tamén a posibilidade de andar en taxi, pero é a máis cara de todas e só ten sentido para viaxes moi concretos.

O mellor, para min, é o metro. A pesar da mala fama que ten, resulta cómodo, rápido, limpo e tranquilo. Os vagóns dispoñen dun sistema de aire acondicionado excelente, case sempre se pode viaxar sentado e … Seguir leyendo

Barrio de artistas

Esa vida cultural que antes se chamaba bohemia e que agora transcorre en todas partes dentro dos límites dun informalistmo elegante, decente e controlado, en Berlín desenvólvese arredor de Savignyplatz, un barrio no que abundan as librerías, os cafés de artistas, as salas de exposicións, as galerías de arte, os restaurantes e os clubs de jazz. Todo cun aire moi parisino, algo provinciano polo tanto, pero que resulta agradable para pasar unhas horas de descanso despois das oito.

Volven estar de moda os clubs de jazz, nos que se pode atopar de todo, pero nos que non é raro encontrar pequenos grupos que tocan, cun admirable rigor formal, vellos temas coñecidos da época do bebop, que para moitos de nós, parados con desgana ás portas do free jazz, empeza a ter xa a categoría dunha música clásica.

Observo nestes lugares que se volven levar as mulleres lánguidas, con … Seguir leyendo

Pregunta

Hai uns meses, na revista americana Time, Robert F. Kennedy Jr. citou como un “heroe para o planeta” a un individuo descoñecido, un tal Ron Gatto. Agora todo o mundo sabe quen é ese  señor. Trátase dun policía de Nova York que traballa en asuntos relacionados coa limpeza das augas e que para facer o seu traballo desprázase nun auto vello, con máis de douscentos mil quilómetros. A pesar de todo, procura desempeñar as funcións que ten encomendadas con responsabilidade e con moitísima dilixencia.

Tanta dilixencia que non deixa de conseguir premios e máis premios, non dos seus superiores, que o odian polos problemas que lles crea co rigor con que procede, senón das organización ecoloxistas ou de personalidades como o citado Kennedy. Polo que se ve, Ron Gatto é un tipo legal, sen ideoloxía, pero coa mente limpa dun home do campo ao que lle gustan a natureza … Seguir leyendo

Furia contra os gatos

Onte pola mañá atopei por casualidade un amigo de Ourense con quen estiven falando durante unha hora nun café da Ramallosa. A cousa empezou por dicirme que quedara moi contento ao ler aquí un comentario que fixen hai uns días sobre o gato da casa, que lle comeu un paxariño a unha merla. Segundo me explicou el e me confirmou a súa muller, que estaba presente, non pode ver aos gatos, tanto que, como é cazador, aproveita a tempada para liquidar aqueles que se lle poñen a tiro; iso si, evitando escándalos.

Polo visto, esta furia vénlle de rapaz. Aínda que eran varios irmáns na casa, o gato da familia, que se chamaba Manuel, estaba empeñado en utilizar o cuarto do meu amigo, soamente o del entre todos, como retrete particular. De maneira que este home pasou a súa adolescencia en loita contra a impertinencia guarra do animal.

Ata … Seguir leyendo

Unha película sobre Basquiat

Nunha ocasión, o célebre contrabaixo de jazz Charlie Mingus desfixo un coche contra unha farola por non matar un gato que se lle atravesou na estrada. O coche era do batería MaxRoach, con quen discutira uns días antes sobre a cuestión de se paga a pena sufrir un accidente de circulación por non pillar un animal. Mingus defendía a tese máis favorable aos bichos,mentres que Roach pensaba todo o contrario. Curiosamente, o primeiro era moi agresivo coas persoas, en tanto que o outro era pacífico.

Non recordo onde lin esta historia, que me vén agora á cabeza cando vexo nos periódicos que se vai estrear moi pronto a película que o pintor Julian Schnabel fixo sobre o seu colega Jean-Michel Basquiat, aquel rapaciño de Brooklyn que empezou pintando macacos nas paredes do metro e chegou a ser un bo pintor.

Hai anos, un día vin un cadro seu que me … Seguir leyendo