La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha ocasión, o célebre contrabaixo de jazz Charlie Mingus desfixo un coche contra unha farola por non matar un gato que se lle atravesou na estrada. O coche era do batería MaxRoach, con quen discutira uns días antes sobre a cuestión de se paga a pena sufrir un accidente de circulación por non pillar un animal. Mingus defendía a tese máis favorable aos bichos,mentres que Roach pensaba todo o contrario. Curiosamente, o primeiro era moi agresivo coas persoas, en tanto que o outro era pacífico.

Non recordo onde lin esta historia, que me vén agora á cabeza cando vexo nos periódicos que se vai estrear moi pronto a película que o pintor Julian Schnabel fixo sobre o seu colega Jean-Michel Basquiat, aquel rapaciño de Brooklyn que empezou pintando macacos nas paredes do metro e chegou a ser un bo pintor.

Hai anos, un día vin un cadro seu que me chamou a atención: era como unha gran mancha encarnada que tiña, na parte esquerda, unha batería e unha máscara sobre ela, como se alguén estivese tocando. Por un movemento intuitivo pensei no citado Max Roach e case ao instante comprobei que aquel era exactamente o nome da pintura. Bastou ese detalle para que me interesase polo pintor. Agora só falta esperar que chegue a película e rezar para que os de sempre non esbardallen demasiado sobre Basquiat.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de setembro de 1996.