La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Moverse por Nova York require o uso dalgún medio de transporte, como sucede en calquera cidade grande. Con frecuencia, un equivócase facilmente nas distancias, pois o sistema de nomear as rúas polo número pode inducir a errores, o cal, ao cabo do día, supón meterlle un número excesivo de quilómetros ás pernas, demasiados incluso para un andarín como son eu. Polo tanto, se un quere percorrer a cidade de norte a sur e de leste a oeste, non ten máis remedio que subirse nun autobús ou meterse no metro. Por suposto, queda tamén a posibilidade de andar en taxi, pero é a máis cara de todas e só ten sentido para viaxes moi concretos.

O mellor, para min, é o metro. A pesar da mala fama que ten, resulta cómodo, rápido, limpo e tranquilo. Os vagóns dispoñen dun sistema de aire acondicionado excelente, case sempre se pode viaxar sentado e non hai problemas de seguridade. Por suposto, hai unhas poucas liñas periféricas que non son recomendables e horas moi tardías que convén evitar, pero en xeral o metro está moi ben.

Por outra parte, a min entretenme moito observar as persoas. Vense, por exemplo, unhas gordas e uns gordos inmensos, como non hai en ningún outro sitio: xente que pesa arrobas máis que quilos. Hai tamén moitos hispanos, que entre eles se comunican en español, pero que aos fillos lles falan nun inglés malísimo. Non ocorre o mesmo, non obstante, nin cos chineses nin cos xaponeses. A quen non vexo nunca no metro son os xudeus nin os rusos. Destes últimos, por certo, agora hai moitos. Anos atrás sería insólito, pois todo o mundo vería neles a axentes secretos. Ese papel débelle ser asignado aos árabes. Dígoo pola maneira como son mirados.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de setembro de 1998.