La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Esa vida cultural que antes se chamaba bohemia e que agora transcorre en todas partes dentro dos límites dun informalistmo elegante, decente e controlado, en Berlín desenvólvese arredor de Savignyplatz, un barrio no que abundan as librerías, os cafés de artistas, as salas de exposicións, as galerías de arte, os restaurantes e os clubs de jazz. Todo cun aire moi parisino, algo provinciano polo tanto, pero que resulta agradable para pasar unhas horas de descanso despois das oito.

Volven estar de moda os clubs de jazz, nos que se pode atopar de todo, pero nos que non é raro encontrar pequenos grupos que tocan, cun admirable rigor formal, vellos temas coñecidos da época do bebop, que para moitos de nós, parados con desgana ás portas do free jazz, empeza a ter xa a categoría dunha música clásica.

Observo nestes lugares que se volven levar as mulleres lánguidas, con aspecto de tuberculosas e unha miga desmaiadas. Aínda non son moitas, pero xa se notan. O resto do persoal, facilmente previsible: mozas espectaculares, xeralmente acompañadas de tipos esmirriados e con lentes; rapazas con aire de figuriñas de art decó, moi pouco amobladas; tipos solitarios, nada absurdos, pero enigmáticos. Unha flora ou fauna inocente, que contrasta coa pelaxe agresiva dos cabeza rapadas, tamén tan próximos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de setembro de 1993.