La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns meses, na revista americana Time, Robert F. Kennedy Jr. citou como un “heroe para o planeta” a un individuo descoñecido, un tal Ron Gatto. Agora todo o mundo sabe quen é ese  señor. Trátase dun policía de Nova York que traballa en asuntos relacionados coa limpeza das augas e que para facer o seu traballo desprázase nun auto vello, con máis de douscentos mil quilómetros. A pesar de todo, procura desempeñar as funcións que ten encomendadas con responsabilidade e con moitísima dilixencia.

Tanta dilixencia que non deixa de conseguir premios e máis premios, non dos seus superiores, que o odian polos problemas que lles crea co rigor con que procede, senón das organización ecoloxistas ou de personalidades como o citado Kennedy. Polo que se ve, Ron Gatto é un tipo legal, sen ideoloxía, pero coa mente limpa dun home do campo ao que lle gustan a natureza e as cousas claras. Hai, sen embargo, algo que non consegue entender e que resume nunha pregunta: “¿Por que é máis fácil tomar unha mala decisión que unha boa?” El mesmo é a resposta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de setembro de 2000.