La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pillabáns

Contáronmo onte por teléfono. Resulta que uns rapaces de Ourense, alumnos de non sei cal dos institutos da cidade, foron castigados a non ir a unha excursión que os seus compañeiros fixeron a Madrid. Por divertirse, non se lles ocorreu outra cousa, cando os outros estaban na capital, que chamar por teléfono a algúns pais dos excursionistas, finxindo un deles que era o director do Museo do Prado e que lles quería comunicar que os seus fillos provocaran unha catástrofe, que activaran o sistema para apagar incendios e que como consecuencia, algúns cadros, entre eles As meninas, sufriran desperfectos por valor de tres millóns de pesetas*.

A inocencia dos bromistas non contaba con que agora os números dos teléfonos que chaman poden aparecer na pantalla de quen recibe a chamada e que a persoa que a recibiu, a pesar de ver polo indicativo que se trataba dunha comunicación feita … Seguir leyendo

Un soño

O venres pola noite estiven en Goián para dar unha conferencia. Sabía xa por algúns amigos que é aquela unha vila cunha intensa actividade cultural. Na presentación, o pintor Xavier Pousa, nacido no lugar, recitou practicamente de memoria un oficio enviado á sociedade organizadora do acto alá polos comezos da guerra, no que se requirían unha serie de libros da biblioteca, entre eles Ana Karenina, de León Tolstoi, para seren queimados, como posteriormente sucedeu. Vese que non serviu de nada. Estas cousas, pasada a barbarie do momento e se miran desde lonxe, demostran o inútiles que son.

Despois da conferencia fomos cear xuntos un grupo de amigos. A min tocoume de compañeiro, xusto á miña beira, Xavier Pousa, un dos mellores contadores de historias que hai neste país. Ás veces téñolle collidas de prestado algunhas para incluír nesta sección, como as do Carallete ou o Generoso, paisanos daquelas terras … Seguir leyendo

Coloquios

Escoito na radio un coloquio sobre o «Big Bang», agora posto de actualidade polos descobrementos recentes que parecen confirmar definitivamente esta teoría sobre a aparición do cosmos. Os contertulios, todos científicos, son perosas intelixentes , que teñen ademais esas tres virtudes admirables que case nunca faltan nos homes de ciencia: a prudencia, a modestia e a claridade. Pasei, polo tanto, unha hora moi agradable, en contraste co que me sucedeu pola tarde no coche, cando ía cara a Vigo, escoitando tamén a radio, pero que naquela ocasión falaban de política.

Era exactamente ao revés do que me sucedera pola mañá. Falando de cousas continxentes e opinables, que admiten puntos de vista moi diversos, o tono era tan rotundo e seguro como se estivesen tratando de cuestións incontrovertibles, no suposto de que haxa cuestións desa natureza nun mundo composto por homes e mulleres. Confeso que esa é unha das características que … Seguir leyendo

Ter moita razón

Hai xa uns anos, durante a campaña electoral dunhas eleccións en Suecia, presenciei na televisión un debate entre os dous candidatos máis importantes, o socialista Olof Palme, daquela no poder, e o conservador Torbjörn Fälldin, xefe da oposición. A diferenza política e intelectual entre ambos candidatos era abrumadora en contra do segundo, un home torpe e aburrido, antigo concellal nunha vila pequena do norte, incapaz de meter a décima parte do Estado na cabeza. Na discusión, coa súa brillantez habitual, Olof Palme acabou con el.

Recordo que pechei o televisor co convencemento seguro de que a pesar de todo, o primeiro ministro sueco acababa de perder as eleccións. Veume á cabeza unha desas frases de Stendhal que son un prodixio de observación psicolóxica e sentido común: “Todo bo razoamento ofende”. A intelixencia e a capacidade dialéctica de Olof Palme resultaban abusivas, como un boxeador potente fronte a un aspirante esfameado.… Seguir leyendo

O último bolxevique

Estiven lendo nunha revista americana a biografía de Morris Childs, un espía que traballou para o goberno dos Estados Unidos durante preto de vinte anos, ao longo dos cales fixo más  de cincuenta viaxes á Unión Soviética. En Moscova, Morris trataba cos principais dirixentes do país, incluído o propio Leónidas Breznev, cos que mantiña moi boas relacións persoais. Nunca sospeitaron que aquel señor tan intelixente, membro do Partido Comunista dos Estados Unidos, fose un axente ao servizo do imperialismo.

En realidade, Morris era comunista. Militou no partido desde a súa mocidade e alá polos anos vinte foi enviado a Moscova para estudar nunha escola de formación política. Posteriormente, de volta en América, ocupou cargos de gran responsabilidade na organización, ata que acabou caendo nas mans do FBI.

Naturalmente, os rusos pensaban que espiaba para eles. Por esa razón, o propio Breznev lle impuxo unha medalla e nunha ocasión dixo del … Seguir leyendo