La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pola noite estiven en Goián para dar unha conferencia. Sabía xa por algúns amigos que é aquela unha vila cunha intensa actividade cultural. Na presentación, o pintor Xavier Pousa, nacido no lugar, recitou practicamente de memoria un oficio enviado á sociedade organizadora do acto alá polos comezos da guerra, no que se requirían unha serie de libros da biblioteca, entre eles Ana Karenina, de León Tolstoi, para seren queimados, como posteriormente sucedeu. Vese que non serviu de nada. Estas cousas, pasada a barbarie do momento e se miran desde lonxe, demostran o inútiles que son.

Despois da conferencia fomos cear xuntos un grupo de amigos. A min tocoume de compañeiro, xusto á miña beira, Xavier Pousa, un dos mellores contadores de historias que hai neste país. Ás veces téñolle collidas de prestado algunhas para incluír nesta sección, como as do Carallete ou o Generoso, paisanos daquelas terras miñotas do sur. O venres, durante a cea, contou unhas cantas máis.

Contou, por exemplo, sucesos relacionados cun taberneiro de Ourense, a quen eu tamén coñezo. Non sabía, en cambio, que este señor, estando no Brasil, convenceu un amigo para montar un negocio. Díxolle: “Terás observado que aquí non se coñece o churro”. E montaron unha churrería. Pero fose porque o produto saía sen estrías, debido a que o facían pasando a masa polo bico dunha botella rota, ou porque recocía a causa de rebaixar o aceite con auga, a empresa foi á bancarrota. Agora xa sei por que aquel home, detrás da barra dun bar, tiña un punto de melancolía na mirada. Mesmo un churro vale para crear un soño; e todo soño pode romper.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de maio de 1998.