La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Contáronmo onte por teléfono. Resulta que uns rapaces de Ourense, alumnos de non sei cal dos institutos da cidade, foron castigados a non ir a unha excursión que os seus compañeiros fixeron a Madrid. Por divertirse, non se lles ocorreu outra cousa, cando os outros estaban na capital, que chamar por teléfono a algúns pais dos excursionistas, finxindo un deles que era o director do Museo do Prado e que lles quería comunicar que os seus fillos provocaran unha catástrofe, que activaran o sistema para apagar incendios e que como consecuencia, algúns cadros, entre eles As meninas, sufriran desperfectos por valor de tres millóns de pesetas*.

A inocencia dos bromistas non contaba con que agora os números dos teléfonos que chaman poden aparecer na pantalla de quen recibe a chamada e que a persoa que a recibiu, a pesar de ver polo indicativo que se trataba dunha comunicación feita desde Ourense, ía tomar a cousa tan a peito que non pararía ata identificar os autores.

Estes enfróntanse agora a un castigo: a expulsión do centro por tres días, como sanción pola pequena gamberrada. Se eu fose un dos responsables do centro e tivese que tomar algún tipo de medida, xa sei en que ía consistir. Chamaría os pecadores ao despacho e botaríalles un sermón, falando desas cousas que nunca sobra falar cos rapaces, máis por aproveitar a ocasión de recordarlles as virtudes cívicas que por acusalos de nada grave. O que dubido é que tivese forzas para proceder de semellante xeito, pois non exclúo a posibilidade de que, no medio do discurso, ao ver a cara arrepentida dos pillabáns, me dese un ataque de risa. Como me rin cando mo contaron onte pola mañá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de maio de 2000.

 

(*) 18.000 euros, aprox.