La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai xa uns anos, durante a campaña electoral dunhas eleccións en Suecia, presenciei na televisión un debate entre os dous candidatos máis importantes, o socialista Olof Palme, daquela no poder, e o conservador Torbjörn Fälldin, xefe da oposición. A diferenza política e intelectual entre ambos candidatos era abrumadora en contra do segundo, un home torpe e aburrido, antigo concellal nunha vila pequena do norte, incapaz de meter a décima parte do Estado na cabeza. Na discusión, coa súa brillantez habitual, Olof Palme acabou con el.

Recordo que pechei o televisor co convencemento seguro de que a pesar de todo, o primeiro ministro sueco acababa de perder as eleccións. Veume á cabeza unha desas frases de Stendhal que son un prodixio de observación psicolóxica e sentido común: “Todo bo razoamento ofende”. A intelixencia e a capacidade dialéctica de Olof Palme resultaban abusivas, como un boxeador potente fronte a un aspirante esfameado.

Os socialistas están moi convencidos de que a mellor baza política que lles queda de cara ás próximas eleccións é a superioridade do seu candidato fronte ao da oposición, o único dato seguro, por outra parte, que de momento amosan todas as enquisas. É posible que sexa así. Agora ben, metido no pelexo deles e tendo que pasar por trance tan decisivo, eu non o tería tan claro como parece que o teñen eles. Como di Josep Pla, outro dos campeóns do sentido común, nunca se debe pretender ter moita razón; moito menos aínda, ter toda a razón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de maio de 1993.