La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Escoito na radio un coloquio sobre o «Big Bang», agora posto de actualidade polos descobrementos recentes que parecen confirmar definitivamente esta teoría sobre a aparición do cosmos. Os contertulios, todos científicos, son perosas intelixentes , que teñen ademais esas tres virtudes admirables que case nunca faltan nos homes de ciencia: a prudencia, a modestia e a claridade. Pasei, polo tanto, unha hora moi agradable, en contraste co que me sucedeu pola tarde no coche, cando ía cara a Vigo, escoitando tamén a radio, pero que naquela ocasión falaban de política.

Era exactamente ao revés do que me sucedera pola mañá. Falando de cousas continxentes e opinables, que admiten puntos de vista moi diversos, o tono era tan rotundo e seguro como se estivesen tratando de cuestións incontrovertibles, no suposto de que haxa cuestións desa natureza nun mundo composto por homes e mulleres. Confeso que esa é unha das características que fan especialmente insufribles a algúns políticos, sobre todo a aqueles que, non se sabe ben por que, teñen solucións para todo, na mesma medida que consideran absolutamente estúpidas as solucións dos demais.

De todos os xeitos, máis difíciles de soportar son aínda os políticos que teñen unha capacidade casi infinita, non de resolver problemas, como debería ser a súa obriga, senón de inventalos. Como di un amigo meu, persona intelixente e profesor de filosofía, eses políticos constitúen unha especie divertida, case cómica, pero capaces de complicar ata extremos perversos, mesmo perigosos, a vida da xente e a historia dos países. Na política española hai uns poucos e na galega tampouco faltan. Xeralmente, teñen alma e formas de mesías. E non adoitan ter sentido do humor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de maio de 1992.