La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo nunha revista americana a biografía de Morris Childs, un espía que traballou para o goberno dos Estados Unidos durante preto de vinte anos, ao longo dos cales fixo más  de cincuenta viaxes á Unión Soviética. En Moscova, Morris trataba cos principais dirixentes do país, incluído o propio Leónidas Breznev, cos que mantiña moi boas relacións persoais. Nunca sospeitaron que aquel señor tan intelixente, membro do Partido Comunista dos Estados Unidos, fose un axente ao servizo do imperialismo.

En realidade, Morris era comunista. Militou no partido desde a súa mocidade e alá polos anos vinte foi enviado a Moscova para estudar nunha escola de formación política. Posteriormente, de volta en América, ocupou cargos de gran responsabilidade na organización, ata que acabou caendo nas mans do FBI.

Naturalmente, os rusos pensaban que espiaba para eles. Por esa razón, o propio Breznev lle impuxo unha medalla e nunha ocasión dixo del que, ademais de ser un gran home, Morris Childs era “o último dos verdadeiros bolxeviques”. Visto o que pasou despois, coa caída do comunismo, parece bastante claro que a revolución soviética estaba condenada ao fracaso desde había moito tempo. Se o último bolxevique verdadeiro era este home, non será difícil imaxinar como debían ser os anteriores e menos verdadeiros.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de maio de 1996.