La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Antón

Onte, cando volvín á casa despois de pasar o día fóra, recibín unha chamada telefónica dunha periodista que quería coñecer a miña opinión sobre a morte de Antón Risco. Foi así como souben a noticia, aínda que non me sorprendeu porque a esperaba desde había algún tempo. Exactamente desde o día en que o propio Antón me chamou desde Canadá, hai xa máis dun ano, para dicirme que tiña un cancro.Díxomo con tranquilidade, incluso facendo algunha broma ao respecto.

Despois, cando nos vimos, atopeime cun home sereno, valente, que asumía a situación sen dramatismo, pero tamén sen facer ningún tipo de exhibición; simplemente con naturalidade. A mesma naturalidade coa que aceptaba o feito de que, pese a ser el un escritor importante e un eminente investigador, con máis de setenta anos, fose presentado sempre como fillo de Vicente Risco. Non só non se molestaba, senón que parecía sentirse a gusto. … Seguir leyendo

Gaviláns

Desde hai uns días non escoito nin vexo apenas paxaros no xardín. Andei preguntando e un veciño díxome textualmente: “É que ultimamente, o mundo anda mal”. Só lle faltou sacar calquera desas cousas raras nas que cre moita xente, as profecías de san Malaquías, por exemplo, e botarme un sermón apocalíptico sobre os desastres do mundo moderno. Do que me falou, iso si, foi de velenos, contaminación e demais desgrazas relacionadas co medio ambiente.  Non sei se tería moita razón, pero nisto de protestar polas agresións contra a natureza, case nunca se peca por exceso, aínda que ás veces hai quen peca, sen dúbida.

Como eu non estou convencido de que o mundo ande peor agora que antes, senón que máis ben penso todo o contrario, púxenme a buscar a causa da ausencia dos paxariños por outro lado. Así cheguei á conclusión de que debe ser por culpa dunha parella … Seguir leyendo

Un berro desesperado

Mentres escribo, pola ventá entra no meu cuarto o berro desesperado dun porco agonizante. Levántome a mirar para ver o que sucede e uns metros máis alá, na pequena calva redonda que fai un bosque de piñeiros non moi lonxano, descubro un pequeno grupo de persoas que rodean un marrán. Tres homes téñeno inmobilizado sobre unhas madeiras, mentres o matachín lle mete o coitelo pola gorxa. Un rapaz de seis ou sete anos, agachado para observar mellor, contempla con curiosidade o sacrificio do animal.

Conforme pasan os segundos, os gritos do cocho van perdendo o dramatismo do comezo. Xa non teñen o timbre agudo dos primeiros berros, quizais cando o bicho se decatou de repente que o ían matar. Agora son máis pausados, case sen forza, e vanse encamiñando pouco a pouco cara ao ronquido xordo do estertor final.

Desde a distancia que me separa do lugar non consigo ver … Seguir leyendo

A arte da guerra

Nas guerras modernas hai procedementos que permiten saber case con exactitude que número de homes forman o exército inimigo, en que lugar ten este emprazadas as pezas de artillería e de que maneira camufla os seus tanques e avións. Mesmo se chegou a inventar un instrumento complicado e eficaz que desvía a traxectoria de balas e proxectís, preservando así da destrución vidas, armas, edificios e outros obxectivos militares. Non hai exército no mundo, por pobre que sexa, que non soñe con dispoñer destes medios.

En Serra Leona, non obstante, os responsables das forzas armadas acordaron potenciar os recursos propios e aforrar diñeiro para cubrir outras necesidades, entre elas pagarlle mellor aos xefes e oficiais. Enfrontados desde hai un par de anos a un grupo de sublevados que buscan a secesión dunha parte do territorio nacional, precisamente a zona máis rica en diamantes, libran unha guerra dura e difícil.

A falta … Seguir leyendo

Solemnidade

Onte, cando falei aquí do Val de Xosafat, que está situado extramuros da cidade de Xerusalén, dixen que era un lugar pequeno, incapaz de acoller toda a humanidade o día do Xuízo Final. Ese lugar formou parte dos medos infantís da maior parte dos nenos do meu tempo. Polo que a min respecta, por exemplo, cando xa sabía algo de latín, recordo a impresión que me produciron unhas palabras que lle escoitei a un padre predicador, ditas desde o púlpito, con medio corpo botado por riba da varanda. Dicían así: “Exibunt angeli et separabunt malos de medio justorum”. É dicir: “Sairán os anxos e separarán os malos do medio dos xustos”.

Naturalmente, eu pensaba que era dos primeiros. Daquela era moi fácil sentirse malo por moitas razóns. Por exemplo, por distraerse durante a misa, cousa nada difícil para un neno, pois resultaba máis agradable pensar nas aventuras dos Tres Mosqueteiros, … Seguir leyendo