La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Mentres escribo, pola ventá entra no meu cuarto o berro desesperado dun porco agonizante. Levántome a mirar para ver o que sucede e uns metros máis alá, na pequena calva redonda que fai un bosque de piñeiros non moi lonxano, descubro un pequeno grupo de persoas que rodean un marrán. Tres homes téñeno inmobilizado sobre unhas madeiras, mentres o matachín lle mete o coitelo pola gorxa. Un rapaz de seis ou sete anos, agachado para observar mellor, contempla con curiosidade o sacrificio do animal.

Conforme pasan os segundos, os gritos do cocho van perdendo o dramatismo do comezo. Xa non teñen o timbre agudo dos primeiros berros, quizais cando o bicho se decatou de repente que o ían matar. Agora son máis pausados, case sen forza, e vanse encamiñando pouco a pouco cara ao ronquido xordo do estertor final.

Desde a distancia que me separa do lugar non consigo ver os detalles da escena que estou mirando. Por exemplo, non podo saber que sentimentos expresa o rostro dunha muller que asite á matanza algo separada dos demais, nun segundo plano que lle aforra a vista directa do que sucede. Parece encollida, coas mans escondidas debaixo do mandil e nunha actitude que se podería interpretar como resignada. Antes de pechar a ventá e volver ao meu traballo gústame pensar que os ollos daquela muller están cheos de bágoas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de febreiro de 1994.