La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nas guerras modernas hai procedementos que permiten saber case con exactitude que número de homes forman o exército inimigo, en que lugar ten este emprazadas as pezas de artillería e de que maneira camufla os seus tanques e avións. Mesmo se chegou a inventar un instrumento complicado e eficaz que desvía a traxectoria de balas e proxectís, preservando así da destrución vidas, armas, edificios e outros obxectivos militares. Non hai exército no mundo, por pobre que sexa, que non soñe con dispoñer destes medios.

En Serra Leona, non obstante, os responsables das forzas armadas acordaron potenciar os recursos propios e aforrar diñeiro para cubrir outras necesidades, entre elas pagarlle mellor aos xefes e oficiais. Enfrontados desde hai un par de anos a un grupo de sublevados que buscan a secesión dunha parte do territorio nacional, precisamente a zona máis rica en diamantes, libran unha guerra dura e difícil.

A falta de satélites espías e outros mecanismos electrónicos, os militares daquel país decidiron organizar un batallón de bruxas que manda unha meiga de gran prestixio e oitenta anos de idade. Esta unidade especial ten como misión descubrir por arte adivinatoria as posicións das tropas contrarias e, sobre todo, desviar as balas das cabezas e os corpos dos soldados. O éxito, ata agora, parece completo. Pensando no futuro, ademais, a bruxa capitá xa adiviñou o nome do próximo presidente. Dese xeito aforran tamén unhas eleccións.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de febreiro de 1993.