La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde hai uns días non escoito nin vexo apenas paxaros no xardín. Andei preguntando e un veciño díxome textualmente: “É que ultimamente, o mundo anda mal”. Só lle faltou sacar calquera desas cousas raras nas que cre moita xente, as profecías de san Malaquías, por exemplo, e botarme un sermón apocalíptico sobre os desastres do mundo moderno. Do que me falou, iso si, foi de velenos, contaminación e demais desgrazas relacionadas co medio ambiente.  Non sei se tería moita razón, pero nisto de protestar polas agresións contra a natureza, case nunca se peca por exceso, aínda que ás veces hai quen peca, sen dúbida.

Como eu non estou convencido de que o mundo ande peor agora que antes, senón que máis ben penso todo o contrario, púxenme a buscar a causa da ausencia dos paxariños por outro lado. Así cheguei á conclusión de que debe ser por culpa dunha parella de gaviláns que desde hai tempo viven por aquí, preto da casa, e que asustaron á miudeza.

A verdade é que os gaviláns son fermosos, sobre todo cando se ven voando, como as aguias. O que pasa é que a min non me gusta que maten e coman paxaros. Xa sei que se trata dun prexuízo, pois aquí todo o mundo come a todo o mundo. Sen ir máis lonxe, hai pouco aínda, eu din conta dun bisté, e só unhas horas atrás, no almorzo da mañá, comín unhas lonchas de troita afumada. O malo é que isto non se resolve nin volvéndose vexetariano, pois por moito que non nos decatemos, as plantas son tamén seres vivos. Os gaviláns son fermosos e obsérvoos con pracer cos meus prismáticos. Nisto sucédeme o mesmo que cando vexo xogar ao Barcelona. Pero o corazón téñoo co Numancia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de febreiro de 2000.