La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Moitas testemuñas

Eu vin nacer unha calumnia. Quero dicir que, polo menos nunha ocasión, son consciente de que unha calumnia se formou diante dos meus ollos e que logo asistín, se non a todo o seu velenoso percorrido, polo menos ao seu estadio final, cando a bola xa andivera roldando durante unhas horas de boca en boca e viña convenientemente engordada coa bile sucesiva que cada un lle fora engadindo da súa mala uva persoal. A verdade é que foi para min como unha revelación, que me d eixou, se non vacinado contra as miserias da maledicencia, polo menos advertido sobre os mecanismos en que se basea.

A cousa sucedeu da seguinte maneira. Estaba eu agardando por unha amiga á porta da súa casa, para ir dar un paseo. Ao meu lado, sentados en cadeiras, tres ou catro homes maduros facían tertulia diante dun comercio. Nun pequeno xardín, ao outro lado da … Seguir leyendo

Unha cortina de medo

Todos os días paso catro veces polo menos por diante da casa de Nigrán onde hai unha semana mataron a catro persoas da mesma familia. Na mañá do crime, mentres dentro se desenvolvían os feitos, por fóra circulabamos nos nosos coches varios miles de homes e mulleres como cada día, prendidos na rutina cotiá, ignorantes do que sucedía a uns metros, no lugar do drama. Non resulta difícil imaxinar o escenario desde o outro lado. Seis persoas, atrapadas de súpeto nas redes dunha maldade imprevista, ían perdendo a esperanza.

Penso nos ruídos da rúa que lle tiñan que chegar aos de dentro, ese runrún anodino das cousas de cada día: o acelerar dos autos na estrada, da outra banda do muro, o tráfico da gasolineira de enfronte, as voces familiares dos veciños, os berros dos rapaces… Nada que non coñecesen, pero que lles debía parecer absurdo.

Fóra, a pura normalidade … Seguir leyendo

Unha vaca gorda

Agora mesmo, mentres escribo, desde o cuarto escoito unha moza que insulta unha vaca. Non sei que trastada lle faría o animal, pero algo gordo debeu ser porque a rapaza parece que está moi doída. En primeiro lugar chamoulle unha cousa fea, como se tratase de ofender a unha muller. Díxollo baixo as distintas formas que se pode dicir esa palabra, estendendo o insulto ata a nai que pariu a vaca e remontándose despois ata a corte celestial. Ao chegar ao ceo, non obstante, a indignación non pasou da Virxe María.

Contrasta a irritación desta pastora coa finura da súa voz. Se un tivese que imaxinala polas barbaridades que está dicindo, podería pensar que se trata dun marautallo, pero ese timbre non se corresponde. Os rebolos adoitan falar rouco, como os bebedores, non con esta limpeza de cristal que sobe desde o campo ata o meu cuarto.

Hai que aclarar … Seguir leyendo

Visita a Santander

Estou en Santander, a onde vin para falar do meu último libro. Faime máis ilusión, non obstante, ver a Ana Lasquetty González-Pardo, a nena a quen lle dediquei A galiña azul hai perto de trinta anos. Ela debe ter agora tres ou catro máis que eses. Segundo me contaron, é unha moza alta e divertida. Cando eu escribín aquel libro para ela, non pasaba dos dous anos. Desde entón, funlle mandando as distintas edicións, así como as cartas dos nenos que me escriben ás veces preguntándome onde vive e a que se dedica.

Nesta cidade vive tamén o meu tío Miguel, un personaxe curioso que leva toda a vida entusiasmado co seu violín. Este curso acabará a carreira, que iniciou hai oito anos, cando xa pasaba dos oitenta de idade. Entregaranlle o título aos noventa, co cal podería inscribirse nun deses libros de cousas raras, excepcionais.

Estiven con el e … Seguir leyendo

Virtudes

Unha amiga miña, que estivo estudando en Alemaña durante o verán pasado, confesaba o outro día con inocencia, sen cinismo nin malicia, que non entendía como a xente sacaba o   billete dos autobuses nas máquinas automáticas que están situadas nas paradas, cando non había practicamente ningún tipo de control, e non viaxaba gratis, senón todos os días, polo menos de cando en vez. Quero dicir que non se trata de ningunha persoa deshonesta nin tramposa, senón dunha estudante preocupada, politicamente responsable (refírome a que vota nas eleccións), desgustada e crítica cando se fala de asuntos de corrupción pública.

Foi un dos exemplos aos que recorrín onte durante o café da mañá, cando uns dos amigos se queixaba con amargura por unha experiencia que acababa de vivir en relación cun asunto de obras que o afecta. Sen pretender desanimalo, díxenlle que vivimos nunha cultura da trampa que o impregna todo e … Seguir leyendo