La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estou en Santander, a onde vin para falar do meu último libro. Faime máis ilusión, non obstante, ver a Ana Lasquetty González-Pardo, a nena a quen lle dediquei A galiña azul hai perto de trinta anos. Ela debe ter agora tres ou catro máis que eses. Segundo me contaron, é unha moza alta e divertida. Cando eu escribín aquel libro para ela, non pasaba dos dous anos. Desde entón, funlle mandando as distintas edicións, así como as cartas dos nenos que me escriben ás veces preguntándome onde vive e a que se dedica.

Nesta cidade vive tamén o meu tío Miguel, un personaxe curioso que leva toda a vida entusiasmado co seu violín. Este curso acabará a carreira, que iniciou hai oito anos, cando xa pasaba dos oitenta de idade. Entregaranlle o título aos noventa, co cal podería inscribirse nun deses libros de cousas raras, excepcionais.

Estiven con el e quedei marabillado polo seu aspecto xuvenil e dinámico. Traía o violín porque ía ao conservatorio, unha obrigación que non estaba disposto a interromper nin sequera hoxe. Por suposto que lle dixen que se esquecera da conferencia e que non perdera as clases. Eu creo que ese é o segredo da súa xuventude. Naturalmente, mentres falaba con el, pasoume pola cabeza o temor do que pode suceder cando remate os estudos. Seguro que andará maquinando dar algún concerto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5  de febreiro de 1997.