La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha amiga miña, que estivo estudando en Alemaña durante o verán pasado, confesaba o outro día con inocencia, sen cinismo nin malicia, que non entendía como a xente sacaba o   billete dos autobuses nas máquinas automáticas que están situadas nas paradas, cando non había practicamente ningún tipo de control, e non viaxaba gratis, senón todos os días, polo menos de cando en vez. Quero dicir que non se trata de ningunha persoa deshonesta nin tramposa, senón dunha estudante preocupada, politicamente responsable (refírome a que vota nas eleccións), desgustada e crítica cando se fala de asuntos de corrupción pública.

Foi un dos exemplos aos que recorrín onte durante o café da mañá, cando uns dos amigos se queixaba con amargura por unha experiencia que acababa de vivir en relación cun asunto de obras que o afecta. Sen pretender desanimalo, díxenlle que vivimos nunha cultura da trampa que o impregna todo e que a todos nos incumbe.

Conteille tamén que nos veráns, cando estou en Suecia e vou ao centro da cidade no meu coche, adoito deixalo nun garaxe que non ten barreira de entrada nin saída, nin vixilancia de ningún tipo, onde se paga nunha máquina. Naturalmente, é posible ocupar unha praza gratuitamente. Sen embargo, todo o mundo abona a cantidade que marca o tique que voluntariamente se retira na porta de acceso. Estas eran as cousas que nos contaban na escola, cando eu era neno, do comportamento civilizado dos estranxeiros, maiormente aquilo de que en Suíza se podían comprar os periódicos na rúa deixando as moedas do importe sobre unha mesa. As virtudes empezan na xente. E os políticos tamén son xente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4  de febreiro de 2000.