La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu vin nacer unha calumnia. Quero dicir que, polo menos nunha ocasión, son consciente de que unha calumnia se formou diante dos meus ollos e que logo asistín, se non a todo o seu velenoso percorrido, polo menos ao seu estadio final, cando a bola xa andivera roldando durante unhas horas de boca en boca e viña convenientemente engordada coa bile sucesiva que cada un lle fora engadindo da súa mala uva persoal. A verdade é que foi para min como unha revelación, que me d eixou, se non vacinado contra as miserias da maledicencia, polo menos advertido sobre os mecanismos en que se basea.

A cousa sucedeu da seguinte maneira. Estaba eu agardando por unha amiga á porta da súa casa, para ir dar un paseo. Ao meu lado, sentados en cadeiras, tres ou catro homes maduros facían tertulia diante dun comercio. Nun pequeno xardín, ao outro lado da rúa, un cura de certa idade, con fama de golfo nos seus tempos mozos, falaba cunha rapaza nova, mentres os contertulios das cadeiras facían comentarios pícaros sobre a escena. Ao despedírense, o cura deulle unha palmadiña na cara á moza. A partir de entón, e mentres eu seguía agardando, os comentarios dos catro homes foron subindo en malicia.

Ao día seguinte, a historia circulaba pola vila e a xente do lugar sentíase profundamente indignada, mesmo aqueles que non tiñan demasiados motivos para indignarse. Supoño que no ir e vir da noticia, nos meandros xurdidos do ímpetu da enxurrada, onde os matices aportados por cada un pola mañá acabarían convertidos en sólidos datos obxectivos pola tarde as versión deberían ser moi variadas. A que chegou a min era moi simple e supoño que xa incontrovertible e definitiva: ao cura citado collérano pecando de noite cunha moza, os dous revolcados entre erba e erba do xardín, e o bispo xa ordenara pechalo nun convento. Había moitísimas testemuñas.

 

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de febreiro de 1990.