La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha parella no chan

O sábado estiven en Ferrol. Pola noitiña, pouco despois de saír do hotel para dar un paseo pola cidade, empezou a caer unha chuvia escasa e miúda que volvía máis intensa a sensación do vento frío que naquel momento sopraba do norte. Coas rúas case desertas, deixeime levar sen plan, guiado por unha curiosidade espontánea e inmediata. No oco dun comercio, tirados sobre a brancura xeada do mármore, estaban un mozo e unha moza, fortemente enlazados nun complicado lazo amoroso.

Non se movían. Máis que amarse, daba a sensación de que se consolaban dalgunha pena fonda, quizais dunha desas traxedias horrendas que agora asaltan aos rapaces cando aínda están en idade de xogar. Un señor e unha señora que pasaron diante de min rosmaron en voz audible algunhas palabras de reproche.

Fun dar unha volta polo Cantón e cando volvín, máis de media hora despois, a parella seguía alí, petrificada … Seguir leyendo

Israel

Hoxe escribo desde a cidade de Tiberíades, en Israel, á beira do Mar de Galilea, un lugar que está situado a trescentos metros por debaixo do nivel do Mediterráneo. Hai pouco aínda, cando viña para o hotel, ás seis da tarde, as rúas estaban desertas e as tendas todas pechadas. Desde que se puxo o sol e saíron as tres primeiras estrelas, a iso das cinco e media, empezou o “shabbat”, día de descanso para os xudeus. Durante vinte e cinco horas non poden facer nada, nin sequera acender unha luz. A cidade, non obstante, vese iluminada. A tecnoloxía resolveu o conflito: abonda con dispoñer dun reloxo programador para que non falte a luz nas casas.

Hai cidades, non obstante, onde os xudeus ortodoxos son minoría, como Tel Aviv ou Haifa, nas que estivemos onte e nas que non se cumpre a norma do descanso: abren os comercios e as … Seguir leyendo

Un sentimento sincero

Vexo empapelado nos xulgados por un presunto delito de prevaricación un alcalde que noutra época me perseguiu con saña; ou talvez fose simplemente con mala uva, pois tampouco se trataba duha acción poderosa, senón dunha pequena perrallada bastante mesquiña. Se non se dese a circunstancia de que o citado individuo encontrou o concurso dun gobernador civil aguerrido, con espírito de frecha e parvo de remate, a cousa non pasaría a maiores. Entre os dous, non obstante, botáronme do instituto onde traballaba.

O pretexto foi unha obra de teatro que me atribuíron, pero escrita por outro profesor que nunca negou que fose del, que os alumnos representaron co motivo dunha festa escolar. Polo visto, nun rapaz que recitaba o discurso de Demóstenes aos atenienses, o meu acusador descubriu que a voz, os xestos e a posición da man dereita eran unha parodia mal intencionada do xeneral Franco.

De todo aquel disparate … Seguir leyendo

Unha pataca, unha faba

No periódico de onte publicábase a noticia dunha señora que lle foi pedir unha pataca a un veciño e este intentou abusar dela. Esa era a versión da muller, que non lle foi aceptada polo xuíz por falta de probas, de maneira que non podemos dicir que a acusación sexa certa. Hai anos fíxose famoso un caso parecido: unha italiana bonita e nova, exuberante, simpática e falangueira, petou na porta dun veciño para pedirlle unha faba. Este, sorprendido pola petición, mandouna pasar e, como diría o Arcipreste, acabou o que quixo.

No xuízo, o home defendeuse sen negar os feitos. El pensou que unha rapaza que vai á casa dun señor ás dez da noite, que lle pide unha faba sen deixar de rir e que acepta unha invitación a traspasar a porta, é que vai buscando algo máis. O caso é que a argumentación do home foi considerada crible … Seguir leyendo

Tranpitán

Seguindo co asunto de don Juan de la Cova, de todas as súas obras de teatro, a que me parece que ten un título máis xenial é aquela que se chama Moros pertinaces, pero que non sei de que trata porque nunca a vin diante. Lin, en cambio, La permuta fatal, cun argumento fantástico: un home condenado a morte págalle tres millóns a outro para que morra por el. Este, ao final, ten un trasacordo e antes de ser executado, decátase do disparate que acaba de cometer. Entón pronuncia as seguintes palabras: “Yo en lugar del reo estoy, si es que me dan el dinero. Si no me lo dan, no quiero. (Levantándose.) Entonces sí que me voy”. E vaise. Por sorte, nese momento aparece polo medio un rei bondadoso que evita a morte daqueles dous homes.

Don Juan escribiu a maior parte das súas comedias, dramas e … Seguir leyendo