La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Seguindo co asunto de don Juan de la Cova, de todas as súas obras de teatro, a que me parece que ten un título máis xenial é aquela que se chama Moros pertinaces, pero que non sei de que trata porque nunca a vin diante. Lin, en cambio, La permuta fatal, cun argumento fantástico: un home condenado a morte págalle tres millóns a outro para que morra por el. Este, ao final, ten un trasacordo e antes de ser executado, decátase do disparate que acaba de cometer. Entón pronuncia as seguintes palabras: “Yo en lugar del reo estoy, si es que me dan el dinero. Si no me lo dan, no quiero. (Levantándose.) Entonces sí que me voy”. E vaise. Por sorte, nese momento aparece polo medio un rei bondadoso que evita a morte daqueles dous homes.

Don Juan escribiu a maior parte das súas comedias, dramas e óperas en castelán, pero despois tamén usou o “trampitán”, idioma da súa invención. Precisamente na obra titulada La trampitana esa é a lingua que se emprega. Soa así: “Bertoldo: Sus sos ao pusus ferpe osolete, tretos ortase lareta zon. Paulina: Pengo dofino lasobenete, pe to anofo tofo os quiquitón”. Lamentablemente, estas palabras de amor, eu non as sei traducir. Sei traducir, en cambio, outras, como aqueles versos que din: “Tufose omus fer al quen que  se tufo dadimalad”.

Moi sinxelo: “Volverán las oscuras golondrinas de tu balcón sus nidos a colgar”. Coñezo tamén o significado de palabras soltas como “caluces”, que son as estrelas; “chinfes”, as guerras; “ulentotas”, as mulleres guapas. Con todo, eu creo que o don Juan máis interesante está nos poemas en castelán. Poño un exemplo para rematar esta serie: “Padres buenos, hijos buenos; los de malos, malos son; de malos salen obscenos, no hay regla sin excepción”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de novembro  de 1999.