La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe escribo desde a cidade de Tiberíades, en Israel, á beira do Mar de Galilea, un lugar que está situado a trescentos metros por debaixo do nivel do Mediterráneo. Hai pouco aínda, cando viña para o hotel, ás seis da tarde, as rúas estaban desertas e as tendas todas pechadas. Desde que se puxo o sol e saíron as tres primeiras estrelas, a iso das cinco e media, empezou o “shabbat”, día de descanso para os xudeus. Durante vinte e cinco horas non poden facer nada, nin sequera acender unha luz. A cidade, non obstante, vese iluminada. A tecnoloxía resolveu o conflito: abonda con dispoñer dun reloxo programador para que non falte a luz nas casas.

Hai cidades, non obstante, onde os xudeus ortodoxos son minoría, como Tel Aviv ou Haifa, nas que estivemos onte e nas que non se cumpre a norma do descanso: abren os comercios e as discotecas, e a xente pode cociñar e acender as lámpadas. Por iso teñen a categoría de cidades impuras. Curiosamente son tamén os lugares onde conviven sen problemas os árabes, os  xudeus e os cristiáns.

Por certo que no avión israelí que nos trouxo desde Madrid,  despois de pasar un control de seguridade que para min supuxo un interrogatorio de case media hora, a unha amiga miña  presentóuselle un problema inesperado: un mociño ortodoxo, con kipa na cabeza, pediulle que cambiase de asento, pois a súa relixión non lle permitía viaxar ao lado dunha muller. O incordio resolveuse coa intervención de outro xudeu, este sen kipa, que lle botou unha bronca ao mozo intransixente polo seu rigor. O mozo fixo a viaxe enfurruñado. Seguro que se tivo que purificar ao chegar á casa. Tampouco era para tanto: é normal ducharse despois dunha viaxe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de novembro  de 1998.