La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Parque

O luns pola tarde estiveron na casa dúas agradables periodistas suecas que andan facendo unha reportaxe sobre Galicia. Traían algunhas ideas. Querían ver cabalos salvaxes, un asunto que descubriron a través dun xornal do seu país, querían saber tamén se a xente cre nas bruxas e se na nosa terra existe algún tipo de matriarcado. Cos cabalos díxenlles que non había ningún problema, a cinco ou seis quilómetros da miña casa pódense ver os que se queira. Polo que respecta das bruxas, tampouco lle vin demasiados inconvenientes: na aldea onde vivo reside unha señora que ten fama diso e que se dedica a curar por medio de ditos, herbas e distintas clases de remedios, aínda que ela non cre en bruxerías.

En canto ao matriarcado, confeseilles a verdade: ignoro en que consiste, a non ser que lle chamen así a cousas que aquí lle chamamos doutra maneira. Expliqueilles, por exemplo, … Seguir leyendo

Eladia

Estes días pasados, ao recordar as diversas monxas que coñecín, citei a sor Pilar, a que máis tratei na miña infancia. Xa dixen que un día se xogou o ceo ao amosarme o cabelo para satisfacer a miña curiosidade de neno impertinente e fisgón, convencido de que as monxas eran todas absolutamente calvas. Tiña moita paciencia, non sei se natural ou adquirida por sacrificio e amor a Deus. Recoñezo que os rapaces eramos malos con ela, polo menos en cousa de facer trasnadas.

Polas tardes despois de xogar cos meus primos e comigo durante varias horas na casa de Beiro, sor Pilar procuraba encamiñarnos cara á igrexa coa intención de que fixésemos unha visita a Xesús Sacramentado, con oracións incluídas diante do Santísimo. Nos aproveitabamos aqueles momentos de seriedade obrigada para facela rir, co propósito de que cometese un pecado.

Ao principio púñase seria e dicía que co noso comportamento … Seguir leyendo

Medicina e razón

Ata hai poucos anos, en Galicia era frecuente recorrer a curandeiros e bruxos para tratar enfermidades reais ou imaxinarias. As mulleres, por exemplo, padecían moito da paletilla, un órgano feminino que nunca conseguín saber onde se atopaba e que ás veces caía. Nos rapaces facía estragos o coxo, un mal responsable duns grans e pústulas que saían no labio superior e que curaba facendo varias cruces seguidas con pallas de allo, dicindo: “Coxo, recoxo, marcha de aí, que as pallas do allo andan detrás de ti”.

O coxo, que polo visto era causado polo mexo do sapo, curoumo a min unha señora descoñecida, farta de verme pasar todos os días por diante da súa porta camiño da escola cunhas binchocas persistentes e rebeldes no bigote. Meteume na súa casa, fritiu uns allos na cociña e aplicoume o remedio. Non recordo o resultado, pero debeu ser un éxito porque nunca máis … Seguir leyendo

Animais

Cando falei onte aquí do medo que me producen os ratos, alguén me dixo que os tales son uns bichos fermosos, incluso simpáticos. Non digo que non, porque tamén coñezo xente que ve as cobras e os lagartos como animais de compañía. Hai anos, como se sabe, en Madrid e Barcelona púxose de moda ter serpes pitón nas casas, crocodilos pequenos e iguanas. Cando eu era estudante en Santiago, un dos irmáns Castroviejo, que agora é diplomático, andaba cunha cobra no peto do pantalón e no cuarto que compartía cun tal Machimbarrena, que tiña a cualidade de agatuñar polas paredes, convivía con outros animais, entre eles un teixugo.

A moda que hai agora, segundo me contan, consiste en facerse cuns monos ananos, non máis grandes que un paxariño, que ademais teñen cara de xente. Creo que son malos e ruíns, que incluso morden. Por se isto fose pouco, están case … Seguir leyendo

Os sufrimentos do xeneral

Nunca souben en que consistía aquel mal, pero había na miña vila unha familia numerosa na que os homes, ao chegar aunha determinada idade, xa na adolescencia, empezaban a andar na punta dos pés, cada vez con máis dificultades, ata que quedaban cravados para sempre nunha cadeira de rodas. Un deles, o maior, foi comigo á escola; ao outro trateino bastante, cando era camareiro nun café no cal entraba eu con frecuencia. Sempre me chamou a atención que, sabéndose condenados, fosen tan bos rapaces.

Onte estiven lendo nunha revista americana un retrato magnífico do xeneral serbio Ratko Mladic, considerado un monstro por media humanidade e a quen os seus compatriotas adoran, os seus amigos o teñen por un home cabal e de quen os seus inimigos din que se trata dun home honrado. A min, desde logo, non me gusta.

Para explicar a súa conduta cos prisioneiros, que se axusta … Seguir leyendo

Espiándose

Aproveitando estes días de vacacións regaladas polas coincidencias do calendario, uns amigos madrileños que teñen casa no val de Tebra desprazáronse ata aquí para gozar duns días de descanso, el das súas actividades como médico nun importante centro hospitalario e ela do traballo que realiza nunha empresa na que desempeña tarefas de tipo administrativo e contable. Son bos amigos, ambos os dous moi ben dotados para a tertulia, o cal fai que, cada vez que veñen e chaman, sexa como o anuncio dunha festa. Desta vez celebrámola nun restaurante da Guarda, á beira do mar, gozando ademais dun tempo espléndido, esa marabilla azul, con sol e boa temperatura, que rematou onte coa chuvia que agora nos mete no outono.

O meu amigo, fillo dun pai famoso, é home moi intelixente, sabe unha cantidade inmensa de cousas raras, incluídos os nomes de ríos, montes e vales de calquera parte de España, … Seguir leyendo

Sensación de perigo

Hai anos, un día baixabamos en barquiño polo río Moscova o escritor catalán Joan Perucho e mais eu, mesturados entre rusos de provincias que viñan coñecer a capital. No mesmo lugar do embarque, cando xa estabamos a varios metros do atracadoiro, vimos en terra un borracho impoñente, gordo e grande como un oso enorme, que se achegaba á beira pegando traspés, daba a sensación de que ía caer á auga, recompuña o equilibrio dunha forma aparentemente milagrosa e volvía iniciar o mesmo baile.

A altura entre o muro do canal e o nivel do río era de varios metros, de maneira que parecía que o home corría un perigo serio de precipitarse e morrer. Cada vez que se aproximaba ao bordo, a angustia que eu percibía no rostro do meu compañeiro, idéntica á miña, contrastaba co sorriso melancólico e tranquilo dos rusos.

Nas dúas horas que durou a excursión, escenas … Seguir leyendo

Elixir

Unha vez, mentres paseaba cunhas amigas por París, de noite, moi preto da Sorbona, vin unha pelexa tremenda. En realidade, despois dos primeiros segundos de desconcerto, nos que un pensa moitas veces que está asistindo á gravación dunha escena cinematográfica, decateime de que aquilo era a vida mesma, nunha das súas versións moralmente máis degradadas. No chan había un home novo, sangrando con abundancia pola cara, que estaba sendo agredido por un grupo que lle daba patadas en todo o corpo, mentres el trataba de protexerse inutilmente.

Entre os agresores, que debían ser uns cinco, só un deles pretendía interpoñerse para evitar que a carnicería acabase de xeito irreparable. Foi a mesma escena que se viu o outro día na televisión, durante os acontecementos sucedidos en Belgrado, cando un grupo de enfurecidos tratou de linchar a un individuo que, con toda seguridade, sería un canalla. Nesas situacións, sempre hai alguén … Seguir leyendo

Recordo do verdugo de Burgos

Non sei cal foi a orixe daquela historia, pero durante anos díxose que o verdugo de Burgos vivía en Xinzo de Limia. Eu coñecino. Chamábanlle O Botero e era un home pequeno, agradable, un pouco solitario, quizais por non proceder do país, senón de Castela. O sambenito caéralle por riba con bastante eficacia. Para empezar, os nenos estabamos todos convencidos de que aquel señor exercía o citado oficio, pero tamén algunhas persoas maiores, igualmente seguras da infamia que rodeaba a vida daquel pobre infeliz.

Recordo unha vez que o vin atravesar a vila de parte a parte cun pequeno maletín na man. Naturalmente, pasoume pola cabeza que alí dentro debía de levar os instrumentos de traballo, pero non só a min, pois deseguida empecei a escoitar comentarios, como o dun veciño que dixo: “Ese ten tarefa mañá en Burgos”.

Anos despois, cando lin o libro de Daniel Sueiro sobre os … Seguir leyendo

Unha vocación equivocada

Un amigo meu, que é xastre e foi comunista, contoume nunha ocasión que despois da guerra, cando andaba metido en actividades políticas clandestinas, un día foi detido e conducido aos calabozos do Goberno Civil. Parece que os tipos que o interrogaron o trataron con bastante dureza, aínda que cunha brutalidade controlada e profesional, sen sobrepasarse nunca co castigo e permitindo ademais que se recuperase antes de iniciar cada nova sesión. O peor de todos foi o propio gobernador civil.

Polas noites, este individuo, despois de andar de troula cun par de amigotes polos barrios menos santos da cidade, cando volvía para a casa, antes de durmir, metíase na cela que ocupaba o preso e empezaba a golpes e patadas con el ata que se cansaba. O malo é que batía ao bruto, sen a limpeza académica dos mandados.

Un exemplo extremo de vocación torcida. Hai moitos. Por exemplo, a da … Seguir leyendo