La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ata hai poucos anos, en Galicia era frecuente recorrer a curandeiros e bruxos para tratar enfermidades reais ou imaxinarias. As mulleres, por exemplo, padecían moito da paletilla, un órgano feminino que nunca conseguín saber onde se atopaba e que ás veces caía. Nos rapaces facía estragos o coxo, un mal responsable duns grans e pústulas que saían no labio superior e que curaba facendo varias cruces seguidas con pallas de allo, dicindo: “Coxo, recoxo, marcha de aí, que as pallas do allo andan detrás de ti”.

O coxo, que polo visto era causado polo mexo do sapo, curoumo a min unha señora descoñecida, farta de verme pasar todos os días por diante da súa porta camiño da escola cunhas binchocas persistentes e rebeldes no bigote. Meteume na súa casa, fritiu uns allos na cociña e aplicoume o remedio. Non recordo o resultado, pero debeu ser un éxito porque nunca máis me volveu dicir nada.

Calquera pensaría que este tipo de crenzas pertencen a un pasado remoto, sobre todo se temos en conta a xeneralización dos servizos médicos, o fácil acceso a clínicas e hospitais e o aumento da cultura media da poboación. Non obstante, non é así. A Organización Mundial da Saúde acaba de publicar un informe no que asegura que o oitenta por cento da poboación mundial, para curar as súas enfermidades, válese aínda de remedios caseiros e de prácticas supersticiosas. Un inmenso corte de mangas á razón e o progreso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de outubro de 1992.