La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os soños dun amigo

Durante vinte e seis anos teño percorrido tantas veces o traxecto desde Galicia a Suecia en coche que podo describir media Europa con detalle, non polos seus accidentes xeográficos ou polos seus grandes monumentos, senón polas miudezas insignificantes da vida de cada día. Por exemplo, en Bélxica, nas inmediacións de Mons, onde se atopa o cuartel xeral da OTAN, coñezo un señor de pelo branco a quen vin moitas veces desde a autoestrada, pero do que non sei nada máis, a non ser que está sempre traballando no xardín.

Cando Saint-Exupéry, o autor de O principiño, estaba preparando os seus estudos para voar sobre España, como piloto, tivo un mestre fantástico. Non lle dicía onde estaba Guadix, senón en que lugar se atopaban tres laranxeiras que había nun campo, ou como se tiña que fixar nunha granxa determinada. Cousas así.

Onte pola mañá trouxéronnos o ordenador dun amigo que  … Seguir leyendo

Unha ventá en Berlín

Nunha parede do meu cuarto de traballo teño colgado un cadro que non representa máis que unha ventá. É un debuxo feito ao carbón que miro con frecuencia, sempre con cariño, aínda que nunca sen esa nostalxia doce que deixan en nós os recordos vivos das horas felices. Esa ventá pertence a un palacete berlinés situado á beira do lago Wannsee, non lonxe do lugar onde se suicidou de amor e desesperación o poeta Heinrich von Kleist. Por ela entraba o sol todas as mañás na miña habitación no mes que pasei alí.

Hoxe recibín unha chamada telefónica dunha amiga alemá, Elke Wehr, tradutora de gran prestixio no seu país. A institución que alberga a casa onde estaba a miña ventá, o LCB, un organismo oficial dedicado a conceder bolsas a escritores de todo o mundo, corre o perigo de desaparecer. A crise económica peta con forza nas súas portas.… Seguir leyendo

Unha estatua

Un amigo escultor acaba de vivir unha curiosa experiencia cun cliente a quen un grupo de persoas agradecidas decidiron facerlle unha estatua. Pero tamén unha historia quizais non tan rara, despois de todo. No primeiro encontro, o modelo pasou todo o tempo protestando do absurdo da situación en que se atopaga. Consideraba o cliente que a homenaxe que lle querían rendir era excesiva, sobre todo tratándose dunha persoa humilde como el.

Que se pasara a vida axundando aos demais non xustificaba que o quixesen inmortalizar daquela maneira, colocando a súa efixie no medio dunha praza da cidade onde residira a maior parte da súa vida.

Na segunda ocasión as cousas transcurriron de xeito plácido, en animada conversa entre o artista e o seu modelo. Este último descubriu que as horas que pasara no estudio ata entón  lle empezaban a resultar agradables. Ainda que, como confesou, en principio non  lle prestaba … Seguir leyendo

O alento da piedade

Foi unha verdadeira carnicería. Os executores do último tsar, Nicolás II, despois de liquidar a este dun único tiro, necesitaron centos de balas para acabar co resto da familia. Aínda así, cando pensaron que a faena estaba rematada, as grandes duquesas e o tsarevich seguían con vida. Entón decidiron pasalos a todos a baioneta. Logo sacaron os corpos do cuarto onde tivera lugar o fusilamento e cargáronos nun camión, tapados cunha lona. No camiño resultou que algunhas das nenas aínda se movían.

Novamente as volveron atravesar, desta vez de forma definitiva. Os executores proseguiron a súa viaxe, camiño dunha mina, onde introduciron os cadáveres. Despois lanzaron bombas de man, pero a violencia das explosións non só obturou a entrada, senón que espallou restos dos corpos polo exterior. Entón buscaron outro sitio.

Os autores daquela ignominia sentíronse heroes ata hai pouco, mesmo chegaron a disputar entre eles polo protagonismo do que … Seguir leyendo

Desmentido

Tiña eu unha tía, boa e candorosa, que foi unha das persoas máis inocentes que coñecín na miña vida. Cando xa cumprira os setenta e cinco anos, para compensar as moitas horas que o seu home lle dedicaba ao violín, decidiu embarcarse tamén ela nunha aventura artística, no seu caso relacionada coas artes plásticas, que creo que non chegou a empezar. Supoño que a cambiou polas súas misas, as súas novenas e outras prácticas relixiosas semellantes. Era tan profundamente devota que non tomaba auga fría despois do almorzo porque un día, na casa do meu tío Faustino, lle escoitou dicir ao bispo de Ourense, don Ángel Temiño, que era malo para a saúde.

Non creo que os bispos sexan expertos neste tipo de cuestións, aínda que houbo algún que chegou a saber moitas cousas de medicina, como aquel chamado don Pedro, do Brasil, que curaba con herbas e con soplos … Seguir leyendo

Un pecador e unha pecadora

Debeu ser hai dous ou tres anos, durante o verán, cando en Suecia se destapou un escándalo político de grandes dimensións, aireado pola prensa. Os protagonistas foron dous deputados, unha señora dun partido de esquerdas e un colega conservador, unidos de súpeto por unha paixón amorosa incontrolable. Quixo o destino que ambos residisen en localidades moi distantes entre si, de xeito que os encontros, avión vai e avión vén, empezaron a converterse nun grave problema económico. Foi así como se lles ocorreu o pecado.

Este consistiu en pagar os billetes coa tarxeta que teñen os deputados para desprazarse dun lugar a outro no exercicio da súa misión. A funcionaria encargada da contabilidade sorprendeuse de que se realizasen tantas viaxes cruzadas entre dúas vilas tan afastadas unha da outra. O resultado foi o escándalo.

Estou vendo ás vítimas na televisión, rodeadas de periodistas que apenas contiñan a risa, ensinando en dirección … Seguir leyendo

Cabalos

Un grupo de amigos trataron de convencerme onte pola tarde de que me viría moi ben montar a cabalo. Todos eles son afeccionados, eu diría que incluso devotos da equitación. A maior parte dos argumentos que me deron foron, con excepción dun par deles, de tipo práctico. Dixéronme, por exemplo, que se trata dun excelente exercicio de tipo físico, cousa que eu xa sabía porque as tres ou catro veces que montei na miña vida acabei con maniotas, esa dor muscular en forma de agullas que mortifica o corpo ao día seguinte, despois dunha sesión deportiva. Non me convenceu demasiado por razóns que son fáciles de entender.

É, segundo diría o meu amigo Fernando Savater, como se tratasen de espertar nun a afección ás carreiras de coches lendo as páxinas de sucesos dos periódicos. Tampouco me pareceu un argumento convincente o de que un paseo a cabalo relaxa. Talvez, pero … Seguir leyendo

Entroido particular

O domingo, despois da festiña que fixemos en Ourense para recordar a Vicente Risco, quedei coas ganas de achegarme ata Xinzo e ver algo do Entroido, pero había que volver á casa. Tiven que contentarme con preguntarlle por teléfono aos amigos. Foi así como souben que unha das novidades deste ano consistiu en que varias señoras serias, de vida honesta acreditada, nais de familia todas elas, saíron á rúa vestidas de golfas, con escotes e transparencias. Isto, que antes era pecado mortal, agora é diversión. Unha mellora.

Onte, que era tamén día de trouleo, dei un par de paseos  por Vigo, pero non vin nada importante que contar: unicamente que me crucei cun Carlos de Inglaterra con cara de rato. Díxome adeus en inglés con voz de frauta, acompañando cun xesto da man, e logo botouse a correr detrás dunha moza. Pouco máis.

Pola tarde metinme na casa, acendín a … Seguir leyendo

Lembranza dun amigo fogueteiro

Chamábanlle Fuego Fijo y Volador porque era fogueteiro e andaba ofrecéndose ás comisións de festas das distintas parroquias cun discurso no que incluía bombas de palenque para anunciar as alboradas, unha ducia de cubos para a procesión e sesións de “fuego fijo y volador” na metade das verbenas. Tiña rivalidade co Eladio Paz Benítez, do mesmo ramo e competencia, e co Chimpafigos, cuñado daquel, aos que consideraba pouco artistas e demasiado inclinados ao ruído. Non lle gustaba nada que eu non compartise esta apreciación.

Sentíase artista fogueteiro, da escola valenciana, onde aprendera o oficio despois da mili. Lía o periódico, picaba algo cara á esquerda en materia política, pero non esquecía que lle debía dous grandes favores a xente do ceo: á Virxe do Carme por libralo dunha explosión e a san Roque por atendelo nun apuro relacionado coa saúde.

Medía o mundo en termos da súa profesión: a cantas … Seguir leyendo

Dous infelices

Estiven vendo un deses programas de televisión dos que todo o mundo abomina, pero que teñen tanto éxito. Entrevistaban a un par de infelices, home e muller, aos que lle acaban de quitar dous fillos pequenos para entregalos en adopción a outro matrimonio. As autoridades que tomaron a decisión aseguran que os nenos vivían en condicións de desamparo. Desde logo, moito desamparo tiña que ser, pois rapaciños así vense todos os días tirados polas rúas sen que ninguén tome determinación de ningún tipo sobre eles.

Os pais son aínda novos e vestiron o mellor que tiñan para saír chorando na televisión. El ía cun traxe claro, moi folgado, que resultaba evidente que antes pertenceu a outra persoa. A muller levaba unha saia branca plisada, demasiado longa, que lle chegaba ata os grosos calcetín de la que lle cubrían a parte baixa das pernas.

Parecían boa xente, só pobres, non senvengonzas … Seguir leyendo