La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven vendo un deses programas de televisión dos que todo o mundo abomina, pero que teñen tanto éxito. Entrevistaban a un par de infelices, home e muller, aos que lle acaban de quitar dous fillos pequenos para entregalos en adopción a outro matrimonio. As autoridades que tomaron a decisión aseguran que os nenos vivían en condicións de desamparo. Desde logo, moito desamparo tiña que ser, pois rapaciños así vense todos os días tirados polas rúas sen que ninguén tome determinación de ningún tipo sobre eles.

Os pais son aínda novos e vestiron o mellor que tiñan para saír chorando na televisión. El ía cun traxe claro, moi folgado, que resultaba evidente que antes pertenceu a outra persoa. A muller levaba unha saia branca plisada, demasiado longa, que lle chegaba ata os grosos calcetín de la que lle cubrían a parte baixa das pernas.

Parecían boa xente, só pobres, non senvengonzas nin aproveitados, que o único que pretendían era recuperar os fillos que lles quitaran. Como dous  poliños pelados e sen nai, daban a impresión de seren fáciles de enganar. Nun momento, cando xa choraran bastante e explicaran a desgraza que lles caeu por riba, el tivo un acceso de furia e soltou unha ameaza. Fíxoo con cara de tan boa persoa que parecía difícil que lle puidese meter medo a ninguén. Dixo ademais que para recuperar os nenos estaba disposto a coller un pau.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de febreiro de 1994.