La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non obstante

Neste mes no que andamos tiven que ir a Madrid varias veces para participar en mesas redondas e conferencias. Con ese motivo estiven con moita xente e participei en reunións e tertulias con amigos e coñecidos. O tema máis recorrente e repetido nas conversas foi ese vídeo cochino do que fala todo o mundo. Da mesma maneira que existe o prurito de dicir que non se ven os programas bobos da televisión, observei que a moda consiste agora en presumir de non ter visto o famoso vídeo. É unha forma de elegancia moral.

Tamén me decatei de que está de moda empezar os comentarios sobre ese asunto cunha declaración contundente de principios, feita ademais coas mesmas palabras: práctica repugnante, métodos repulsivos e outras similares. Nese caso, o resto da conversa pode adiviñarse sen esforzo. Repítese inexorablemente.

Case sempre que alguén empeza facendo unha afirmación rotunda, pódese aventurar que logo vén … Seguir leyendo

A lóxica do terror

Non recordo ben onde lin o que vou contar, aínda que teño idea de que foi nun libro de Gisele Halimi sobre as torturas contra os nacionalistas arxelinos na época de De Gaulle. Contábase alí a historia ocorrida nun campo de concentración nazi, cando os xefes organizaron unha carreira cun grupo de prisioneiros, que debían reptar polo chan como se fosen cobras. Cando rematou a competición, fusilaron no acto o gañador. Inmediatamente despois, cos que quedaron, fixeron unha segunda volta. Loxicamente, ninguén quería gañar. Entón, fusilaron o último. Na terceira ronda, todo o mundo se pelexaba por non quedar nin adiante nin atrás. Non haberá que engadir que, daquela vez, os elixidos para seren fusilados foron escollidos entre os do montón.

A isto poderíase chamar a lóxica do terror. Tivo a súa versión doméstica en Galicia, durante os anos da guerra civil. Moita xente, no momento en que empezaron a … Seguir leyendo

O sardiña

Cando eu vivía en Cangas, hai case quince anos, mentres escribía polas tardes nun salón con vistas fermosísimas sobre o mar, procuraba rematar o meu traballo antes das sete porque a esa hora, de maneira fatal, a praia de Rodeira enchíase de rapaces con motos que se puñan a facer carreiras e saltos. O ruído que metían resultaba difícil de aturar, sobre todo por innecesario e gratuíto, ademais de que esa era unha das características que distinguían nun plano superior aos máis duros, mellor equipados e máis machos.

Un día baxei ata a praia para ver de perto aquel espectáculo bobo. Como esperaba, non quedei decepcionado. Había no grupo un tipo de aspecto raquítico, feo e sen graza, cun nariz para ser insultado polos compañeiros na escola e uns brazos sen carne nin óso, pura pel de polo cubrindo simplemente as aparencias.

Non terei que engadir que era o da … Seguir leyendo

Normas

Onte falei aquí desa trampa que atoparon os habitantes dun “kibutz” de Israel para criar porcos, a pesar de que a lei o prohibe. O porco ou “jazir” é o animal máis impuro para os xudeus, non se sabe moi ben por que, aínda que a razón oficial ten que ver con dúas frases do Talmud. Unha delas afirma: “É impropio criar porcos”. A outra di: “Maldito sexa o que cría porcos”. Hai quen asegura, non obstante, que o motivo real procede dun feito histórico, cando os asirios, que daquela dominaban a terra de Israel, quixeron obrigar aos seus habitantes a sacrificar porcos no Templo. Sexa como sexa, o certo é que un xudeu observante nunca comerá carne dese animal.

O pragmatismo xudaico permite, a pesar do dito, excepcións, pois na súa cultura o ser humano é o centro da Creación e todo existe para el. Iso explica que, por … Seguir leyendo

A filosofía do aro

Cando tiña doce anos, un rapaz americano que se chama Dan Kopka e que agora cumpriu xa os vinte e catro, un día entrou no cuarto de baño da casa dos seus pais, en Minneapolis, pechou a porta, abriu a billa a todo gas, tirouse no chan e fixo un buraco pequeno nunha tetiña. Sorprendeuse de que non lle doese. Tiña lido nalgún sitio, quizais nun periódico ou nunha revista, que os romanos facían o mesmo e que logo colgaban un aro. El colgouno tamén. Contento co resultado, seguiu facendo buracos.

Agora ten dezasete, todos cos seus correspondentes aneis. Empezou polo sitio indicado, baixou logo ata o embigo, seguiu aínda máis abaixo por lugares que non digo e por fin decidiu subir para a parte que queda por riba do pescozo, incluída a punta de lingua. Como é lóxico, acabou montando un negocio en Nova York.

Ao principio, a clientela … Seguir leyendo

Zoo

Vin a Barcelona para dar unha conferencia na Fundación La Caixa e cheguei cedo no primeiro avión da mañá. O taxista que me trasladou desde o aeroporto ata o hotel non debía ter moito frío porque se empeñou en manter a ventá aberta aínda despois de que lle pedise que fixese o favor de pechala. Supoño que non me escoitou, porque no mesmo instante en que eu lle estaba formulando a miña petición, el empezaba a facerme unha pregunta. Díxome: “¿Non pensa vostede que Toshack, o adestrador do Real  Madrid, ten cara de foca?”

Quedei tan desconcertado que non souben que responderlle. Creo que non lle importou demasiado pois deseguida me decatei de que o único que pretendía era falar dun asunto que, polo que puiden comprobar, lle interesaba.  En realidade o home tiña unha teoría elaborada, que ademais supoño que consideraba enxeñosa, sobre todo para un partidario do Barcelona, … Seguir leyendo

Retrato do Gran Temoneiro

No gran cotilleo internacional, hai agora un libro sobre Mao Tse Tung que ofrece unha imaxe espantosa, parece que certa, do célebre político chinés. Está escrito polo seu médico, un home que o coñeceu na intimidade, e que desvela aspectos da súa privada bastante monstruosos. O malo non é que Mao non limpase nunca os dentes ou que lle tivese aversión ao baño, nin sequera que padecese desenfreo sexual, para o cal lle valían tanto as mociñas que lle preparaban como os guapos mozos da súa garda persoal.

O peor é a crueldade coa cal trata as xentes que se interferían no seu cariño e a perversión que foi sementando arredor del, un contorno no que era obrigado converterse nun mentirán sen escrúpulos para salvar a vida ou para evitar ser sepultado en calquera horrible prisión. É dicir, o contrario da moral que predicaba.

De todos os episodios que conta … Seguir leyendo

Um novo escándalo

Que o presidente John F. Kennedy levaba furcias á Casa Branca é unha noticia vella, que non vai sorprender xa a ninguén. As falcatruadas daquel home coñécense desde hai anos. Nun primeiro momento, cando se empezou a falar publicamente delas, a algunhas persoas pouco maliciosas puidéronlle parecer invencións malignas de escritores cotillas e malvados como Truman Capote, que foi un dos primeiros en contar historias pecaminosas do célebre presidente asasinado, pero hoxe en día ninguén dubida da súa veracidade.

O que probablemente sexa novo son algúns flocos relacionados con aquel asunto, que agora saen á luz no esperado libro de Seymour Hersh titulado O lado escuro de Camelot, a punto de aparecer nas librerías dos Estados Unidos e do que xa fala todo o mundo. Por exemplo, parece que as furcias eran ameazadas se dicían algo.

Non obstante, parece que un dos documentos que manexouHersh durante meses e que … Seguir leyendo

Visita a San Sebastián

Achegueime a San Sebastián, ou Donostia, como din os vascos, para participar nuns encontros de críticos e narradores organizados pola UNED. Nada máis chegar á cidade, fun ao hotel para deixar as cousas, mentres os organizadores me esperaban abaixo. Fíxenos agardar máis da conta porque descubrín, ao mirar pola fiestra, que o meu cuarto daba á praia da Concha e que ademais dispuña dun balcón enorme, colgado practicamente sobre o mar. Non puiden evitar a tentación de sentar nun sillón e poñerme a contemplar iso que os libros mal escritos, feitos para turistas rápidos, chaman unha paraxe incomparable, é dicir, unha vista fermosísima. Non me pasou pola cabeza que facer esperar os meus anfitrións puidese ser descortesía.

Había tempo que non estaba en San Sebastián. A cidade atopeina chea de vida, con moita xente contenta polas rúas, fermosa e tranquila. Xa sei que esta imaxe idílica non se corresponde coa … Seguir leyendo

Como resucitados

Estabamos falando arredor da mesa, despois de comer, aínda que sen a animación doutras veces, coñecedores cada un de nós do que levaban os demais dentro da cabeza: a desaparición dos cans. Non obstante, ninguén se atrevía a tratar ese asunto. De pronto, como se fosen un par de resucitadas, apareceron as cadelas pola porta, impecables a pesar destas noites de chuvia, completamente secas e limpas, incluso sen fame, pois non fixeron festas cando lles puxeron diante a comida. Foi como un milagre.

Houbo de todo, lágrimas, abrazos, aplausos… Elas, contentas, reclamaban aloumiños e saltábannos no peito. Logo, como tolas, empezaron ás carreiras. Finalmente deitáronse na alfombra do salón, ao pé da cheminea, para descansar. Nun momento, o gato achegouse, saudou cunha caricia e acompañounas a durmir.

Non resulta fácil transmitir os sentimentos que provocan situacións como esta, sobre todo para as persoas que non teñan a experiencia de convivir … Seguir leyendo