La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí desa trampa que atoparon os habitantes dun “kibutz” de Israel para criar porcos, a pesar de que a lei o prohibe. O porco ou “jazir” é o animal máis impuro para os xudeus, non se sabe moi ben por que, aínda que a razón oficial ten que ver con dúas frases do Talmud. Unha delas afirma: “É impropio criar porcos”. A outra di: “Maldito sexa o que cría porcos”. Hai quen asegura, non obstante, que o motivo real procede dun feito histórico, cando os asirios, que daquela dominaban a terra de Israel, quixeron obrigar aos seus habitantes a sacrificar porcos no Templo. Sexa como sexa, o certo é que un xudeu observante nunca comerá carne dese animal.

O pragmatismo xudaico permite, a pesar do dito, excepcións, pois na súa cultura o ser humano é o centro da Creación e todo existe para el. Iso explica que, por prescrición médica, por exemplo, se poida comer calquera alimento, aínda que non sexa “kasher”, é dicir, puro, incluído o porco; ou que as válvulas do corazón deste, tan repugnante e despreciado, se aproveiten para facer un transplante.

Pasa o mesmo coas leis referentes ao traballo no día de descanso, que son moi estritas, pero que teñen as súas trampas. Como xa dixen, durante o “shabat” non se pode traballar nin se pode mandar traballar a outro, aínda que sexa un xentil. Está permitido, non obstante, un contrato chamado “cablanut”, entre xudeu e xentil, segundo o cal, o primeiro pode encargarlle a construción dunha casa ao segundo, e este administra pola súa conta que días traballa, sábados incluídos, e que días non. Esta norma non vale, en cambio, para a construción dunha sinagoga, polo que os xudeus chaman o “marit ayin”. Disto falaremos no artigo de mañá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de novembro de 1998.