La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Vestido novo para a princesa

Un profesor que nos explicaba Historia aos rapaces de bacharelato díxome un día no corredor do instituto que dona María Luísa de Parma, a muller de Carlos IV, non tiña dentes, e que ademais enganaba ao seu home cos gardas de palacio, entre eles o que despois sería o seu amante principal, Manuel Godoy, Príncipe da Paz. Superado o sentido de sacrilexio que me produciron aquelas palabras, a información do profesor avivou en min o desexo de saber máis sobre aquela muller e busquei libros para satisfacer a curiosidade.

Atopei algúns que confirmaban aqueles datos, incluso con detalles desfavorables para o rei, que neles aparecía pintado como un parvo, dunha maneira bastante parecida ao retrato cruel que Goya fixo del. Hai tempo, non obstante, lin un estudo rigoroso que defende exactamente o contrario, é dicir, a virtude da raíña.

Estes días, co asunto ese da xente de Pastrana e as … Seguir leyendo

Conversa

Como adiantei o outro día, estiven falando varias horas con Domingo García-Sabell sobre a morte, un tema que moitos pensarán que é macabro. Debo dicir que o fixemos despois de comer ben nun restaurante, fumando ambos os dous uns puros enormes, mentres fóra ía un tempo excelente, pleno de luz e de sol, ideal para estar tirado nunha praia, cousa que non nos gusta nin a el nin a min. Pódese pasar un momento agradable divagando sobre un asunto como ese? Por suposto que é posible, sempre que un teña como interlocutor un home vital e optimista de noventa anos, intelixente e culto, ademais de bo contador de historias e de anécdotas.

Non vou contar aquí con detalle de que falamos porque entón lles arruíno a entrevista aos amigos do suplemento de cultura que ma pediron. Non me resisto, non obstante, a contar algunha cousa. A primeira e máis importante, … Seguir leyendo

Un home anoxado

Onte faláronme dun individuo que leva unha axenda na que ten elaborada unha lista de malas persoas. De primeiro figura, polo visto, un señor que lle chamou microbio nunha tertulia, na súa ausencia. Ata aquel día eran amigos, pero desde entón colleulle unha carraxe tan grande que, ademais de situalo á cabeza da lista, dedícase a denigralo de maneira sistemática. Unha das infamias que vai contando del por aí consiste en asegurar en voz baixa, como se fose un segredo, que o tal señor rouba queixos nos supermercados.

Non sería demasiado grave se non fose porque o acusado é unha persoa de relevo social e incapaz de facer unha cousa semellante. O que sucedeu foi que un día colleron a un neto seu,  xunto con outros mozotes, arramplando co citado produto nuns grandes almacéns e que o avó acudiu ao lugar para resolver o problema.

Non é a única calumnia … Seguir leyendo

Malentendido

Desde hai uns días teño un problema con Buba, unha das cadelas da casa. Por algunha razón que descoñezo, cando lle poño a comida, non come. O que fai é cheirala, remover un pouco nela cos fociños sen probar bocado e logo deitarse a dous ou tres metros do barreño, manténdose pendente del, pero sen intención ningunha de inxerir o seu contido. A simple vista, non parece que a cadela estea enferma, pois segue a facer festas coa xente, corre dun lado para outro polo xardín, espanta os gatos intrusos e ladra con forza cando escoita a outros cans do contorno.

O que máis me amola non son os problemas que poida ter de saúde, os cales dou por inexistentes, senón un feito que me desagrada por absurdo. Cada vez que entro na casa e paso á beira da comida da cadela, esta érguese para protexela, talmente como se pensase … Seguir leyendo

Cousas de loros

Eu de loros non sei nada, por máis que teña escoitado moitas historias deles, sobre todo daquel famoso que había nunha botica en Pontevedra, do que aseguran que lle chamou golfa, pero de forma máis dura, a dona Emilia Pardo Bazán. En xeral, paréceme que a xente que fala destes paxaros esaxera. Polo que me concerne, os que coñecía non dicían máis que esas tonterías que todo o mundo sabe, é dicir, “lorito guapo” e outras polo estilo, coa excepción dun que me presentaron en Sarria durante unha cea e que falaba algo máis.

Onte, un amigo de Ourense estívome contando peripecias dun loro portugués, propiedade dunhas tías. Polo visto, e non teño motivos para dubidar da palabra do meu interlocutor, rezaba o rosario en familia e recitaba outras oracións, seguramente por influencia das donas, que eran xente relixiosa. Como é lóxico, nunca dicía pecados.

O máis divertido da historia … Seguir leyendo

O poder dos homes

Hai arredor de catro anos, nunha viaxe aos Estados Unidos, regresando unha mañá pola estrada que leva desde Providence ata Nova York, un grupo de amigos paramos en Bridgeport para comer na casa dun galego que era íntimo amigo de George Bush. Precisamente este último fora elixido presidente o día anterior. Comimos nun comedor que presidía unha inmensa foto do político abrazando o anfitrión e como é lóxico unha boa parte da conversa estivo referida a tan ilustre personaxe.

Un dos nosos acompañantes estaba máis interesado que os demais en saber cousas sobre Bush, especialmente detalles da súa personalidade humana. Despois de contar algunhas historias bastante grises, o amigo galego do presidente acabou dicindo que este era unha persoa normal, non moi diferente de moitas outras que coñecía, coa particularidade singular de que era o primeiro maxistrado do país.

Por suposto que a un non lle custa entender que o … Seguir leyendo

Paciencia

Onte falei aquí da afección de Nikita Kruschev polas palabras gordas, un costume que non ocultaba nin sequera en público, polo menos en reunións restrinxidas, aínda que estas fosen con diplomáticos doutros países. Esa maneira de falar, entre a mala educación e a espontaneidade, non é rara nos políticos, por mais que en xeral a reserven para a intimidade. O meu amigo Paco Uriz, que era intérprete de Olof Palme para asuntos hispanos, fíxome algunha confidencia sobre o político sueco asasinado. Non falaba mal, pois en Suecia ninguén emprega ese tipo de palabras, pero fumaba sen parar, cousa que nunca facía en público por razóns de imaxe.

Hoxe sabemos, por cintas e outros documentos, que Nixon dicía unhas burradas tremendas dos seus adversarios. Unha das súas expresións favoritas era “bastardo”, que en inglés soa peor que en  español, e “fillo de tal”, que nunha ocasión utilizou para referirse  ao mesmo … Seguir leyendo

Xente de conviccións

Non sei que sería de sor Pilar, a monxa fanciscana que de neno me levaba a facer visitas ao sagrario, na igrexa de Beiro, e non se enfadaba comigo cando me daba a risa, que me daba case sempre. Limitábase a mirarme con ollos doces de boa persoa e a facer un xestos cos labios, como indicándome que tivese un pouco máis de xuízo na casa de Deus. Con ela aprendín que as cousas da relixión non debían ser dramáticas. Despois, por extensión, sucedeume o mesmo co restos dos ideais e das crenzas, incluídas as políticas.

Hai xente que pensa exactamente ao revés. Escoitei hoxe na radio un idividuo que dixo, falando da novelista esa que queren matar, que el mesmo estaría disposto a facelo coas pro- pias mans. Segundo explicou, trátase dun mandato que lle impón a fe que profesa a todo crente que aspire a ser un bo … Seguir leyendo

Un poema

Onte falei aquí do tenderete que vin o outro día en Panxón, no que vendían versos. Esquecín dicir que se chamaba “Cirano, S. A., poemas por encargo” e que o prezo, ademais de estar expresado en pesetas, aparecía tamén en euros. Se non recordo mal, polo que respecta a esta moeda, eran uns sesenta céntimos. O venres pola noite, instaláronse de novo no paseo marítimo. Cando os descubrín, pasaba da unha e media da mañá e alí estaban atendendo os clientes, que seguían sendo, como sucedera o día anterior, xente nova, igual que os propietarios. Estes, unha mociña e dous mozos, comportábanse dunha maneira seria, profesional.

Fixen o que non fixera a primeira vez, que foi converterme en cliente, en parte porque tiña curiosidade por saber algo máis. Ocorreu, non obstante, que cando ía formular a miña peti- ción, un dos poetas me advertiu de bos modos, pero dun xeito … Seguir leyendo

Un demócrata

Eran dous nenos xogando na praia, un con cara de abisinio, pelo pincho e mocos caídos: un terremoto. O outro, máis tranquilo, quizais un infeliz na vida diaria, pero seducido naquel momento pola actividade atolondrada do compañeiro, ao cal imitaba sen graza e da peor maneira posible, é dicir, tirando area ao aire, pisando por riba da xente e berrando como calquera animal molesto e salvaxe. Arredor deles, as persoas maiores seguían o espectáculo con fastío, cunha irritación cada vez máis clara e visible.

Sen dúbida, o pai do primeiro dos nenos era un tipo que descansaba á sombra dun parasol, pois ambos resultaban cuspidiños: o mesmo tipo de pelo crecho e imposible, as mesmas cellas abarrotadas, a mesma cara de bruto. Tan burro que non se decataba da tensión que se estaba creando por culpa do seu fillo, ou non lle importaba. Ata que un señor se ergueu enfadado … Seguir leyendo