La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai arredor de catro anos, nunha viaxe aos Estados Unidos, regresando unha mañá pola estrada que leva desde Providence ata Nova York, un grupo de amigos paramos en Bridgeport para comer na casa dun galego que era íntimo amigo de George Bush. Precisamente este último fora elixido presidente o día anterior. Comimos nun comedor que presidía unha inmensa foto do político abrazando o anfitrión e como é lóxico unha boa parte da conversa estivo referida a tan ilustre personaxe.

Un dos nosos acompañantes estaba máis interesado que os demais en saber cousas sobre Bush, especialmente detalles da súa personalidade humana. Despois de contar algunhas historias bastante grises, o amigo galego do presidente acabou dicindo que este era unha persoa normal, non moi diferente de moitas outras que coñecía, coa particularidade singular de que era o primeiro maxistrado do país.

Por suposto que a un non lle custa entender que o presidente da nación máis poderosa da Terra sexa un home normal e nin sequera que poida chegar a ese cargo un individuo inculto e non demasiado intelixente, como foi o caso de Ronald Reagan. Onde está a sorpresa é no inmenso poder do que dispón un simple mortal. Ás veces deben sentir a tentación de empregalo en beneficio propio, como parece que lle ronda estes días pola cabeza a Bush, disposto a bombardear Iraq para conservar a presidencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de agosto de 1992.