Un profesor que nos explicaba Historia aos rapaces de bacharelato díxome un día no corredor do instituto que dona María Luísa de Parma, a muller de Carlos IV, non tiña dentes, e que ademais enganaba ao seu home cos gardas de palacio, entre eles o que despois sería o seu amante principal, Manuel Godoy, Príncipe da Paz. Superado o sentido de sacrilexio que me produciron aquelas palabras, a información do profesor avivou en min o desexo de saber máis sobre aquela muller e busquei libros para satisfacer a curiosidade.
Atopei algúns que confirmaban aqueles datos, incluso con detalles desfavorables para o rei, que neles aparecía pintado como un parvo, dunha maneira bastante parecida ao retrato cruel que Goya fixo del. Hai tempo, non obstante, lin un estudo rigoroso que defende exactamente o contrario, é dicir, a virtude da raíña.
Estes días, co asunto ese da xente de Pastrana e as monxas do lugar, ás cales acusan de quererlles levar da vila parte do seu patrimonio artístico, leo nun periódico os eloxios que un historiador lle fai á princesa de Éboli, fundadora daquel convento. Eu sempre pensei que a dona Ana a colleran na cama con Antonio Pérez, o secretario de Felipe II, e que algo tivo que ver aquel pecado co asasinato de Juan Escobedo. Desde logo non me nego a aceptar que se revise a historia, pero dóeme que a verdade sexa tan aburrida.
Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de agosto de 1994.