La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Monumento

Onte pola tarde, mentres agardaba dentro do coche por unha persoa, estiven mirando durante varios minutos, que calculo que non foron menos de quince ou vinte, para o alto dun edificio en construción. Alá arriba, a moitísimos metros do chan, sobre o bordo dunha cornixa, había un home traballando, que se movía con axilidade e sen temor aparente, como se estivese paseando en terra firme. Dunha maneira espontánea experimentei un sentimento de admiración. Tamén pensei que se el coñecese o que eu sentía naquel momento, probablemente lle parecería excesivo. Supoño que o medo, para esta xente, é tan raro como para un tigre ou un león.

Quen teñan estado en Nova York ou en Los Angeles, seguro que terán reparado nas lexións de persoas que andan limpando as ventás dos rañaceos, encaramados naqueles andamios que se moven como árbores azoutadas polo vento, a centos de metros de altura. Polo visto, … Seguir leyendo

Sobre a vellez

Onte pola tarde, cando volvía de Santiago, fun saltando de radio en radio, escoitando un pouco aquí e outro pouco alá, á procura dun programa que me entretivese durante a viaxe. Escoitei varias cousas interesantes. Por exemplo, unha serie de opinións sobre a vellez, tanto de xente nova como de persoas maiores. Unha destas últimas dixo que ser vello consistía en durmir pouco, comer pouco e tusir moito. Outra delas definiu esa mesma idade da vida como unha etapa tranquila e bastante feliz. Finalmente, unha rapaza, estudante universitaria en Madrid, dixo que os vellos non lle gustaban, que por iso mesmo ela non esperaba chegar alá.

Nalgunha outra ocasión xa teño contado aquí iso de que un empeza a ser vello cando ve os futbolistas e os soldados como rapaces novos. Nunca estiven moi seguro desa apreciación, en parte porque os xogadores de fútbol, como as atletas en xeral, representan … Seguir leyendo

Rávena

Para min, Bolonia ten varias vantaxes. A primeira, que é unha cidade moi fermosa, a pesar do cal está bastante alonxada dos circuítos turísticos. A segunda, que ten varios quilómetros de soportais, un elemento construtivo non só útil cando chove, que por fortuna non é o caso destes días senón tamén agradable para pasear polas noites, ao abrigo de ventos e resíos. Aínda podería engadir o asunto do tráfico, ordenado dunha maneira intelixente por un alemán que parece que sabe moito destas historias tan complicadas e que acertou coa solución.

Non obstante, un dos atractivos máis claros de Bolonia é a súa situación estratéxica, que a converte nun lugar ideal para facer excursións que non requiren moito tempo para desprazarse. Está preto de todos os lados. Venecia, Verona, Módena, Rímini, Florencia, Sierna, Pisa… Esa é a razón de que un poida aproveitar as tardes para ver algúns destes lugares e … Seguir leyendo

Cousas de santos

Na madrugada do martes pasado, cando xa era de noite e non se vía xente pola rúa, perdinme cuns amigos na cidade de Padua, camiño de Milán, onde tiñamos que coller o avión ao día seguinte. O curioso é que o enderezo que buscabamos contaba cunha boa referencia, a igrexa de Santo Antón, patrón da cidade, pero non había maneira de dar con ela. Cada vez que o coche enfiaba o rumbo que nos marcaban os letreiros indicadores, acababamos dando voltas e  máis voltas, ata aparecer no extremo oposto da vila.

Despois dunha hora, como se estivésemos metidos nun labirinto estúpido, ideado polo Demo para rirse de nós e impedir que durmísemos aquela noite, acordeime de que santo Antón é o encargado de atopar as cousas perdidas, pero tamén me decatei de que nunca souben o responso que hai que rezar para pedirlle favores.

Así que seguimos dando voltas durante … Seguir leyendo

Unha moda

No pasado mes de febreiro, segundo conta o The New Yorker, que é onde eu leo estas cousas, celebrouse en Nova York a presentación dunha moda que vén este ano, inspirada na roupa militar, pero que foi bautizada como Utility Chic, quizais para non espantar a clientela pacifista. Non convén esquecer que durante a guerra de Vietnam, moitos pacifistas ían vestidos de militares. O caso é que, entre as prendas que se van levar agora, abundarán os anoraks de color caqui, as chaquetiñas de piloto, as camisas verdes de camuflaxe e outras roupas polo estilo. Para a praia, o modelo ideal será, polo visto, o “tankini”, palabra feita a base de tanque e bikini.

A modelo elixida, quizais sería mellor dicir recrutada, para presentar a nova moda, foi Laetitia Casta, esa rapaza de Córsega que domina nas pasarelas e que algúns consideran a muller máis fermosa do mundo, cualificativo … Seguir leyendo